Poderiamos pechar os ollos e imaxinar outro país neste día de festa, o Día das Letras Galegas. Ou poderiamos abrilos ben e reflexionar se estamos para celebracións. No momento no que a literatura galega se exporta a outros mercados literarios do exterior „por exemplo, Infamia, que acaba de sacar do prelo Leticia Costas, verá a luz en castelán con Ediciones Destino„, o emprego do galego na sociedade esmorece.

Hipérbole? Falsidade? No estudo da Real Academia Galega (RAG) e do Consello da Cultura Galega Lingua e sociedade en Galicia „o máis actual ata agora sobre o estado do idioma„ recollían que entre o ano 1992 e 2013 a cifra de galegos que usaban o castelán como lingua habitual duplicárase ao pasar do 11% ao 24% mentres que os que máis usaban o galego como lingua habitual caían do 30% ao 22%.

No mes de setembro, o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicará datos actualizados sobre o uso do galego, recollidos durante o ano pasado. O seretario da RAG, Henrique Monteagudo, masca un vaticinio nada esperanzador sobre os resultados: "Estou case seguro de que van confirmar unha tendencia cara a caída na transmisión interxeneracional (de nais e pais aos fillos) do galego e do uso deste nas xeracións máis novas".

É momento de marcar tres puntos, tres líneas e tres puntos (...„-...)? Comeza o barco a afundirse e é necesario lanzar o SOS? Días atrás, un tuit de Nel Vidal, dende o profesorado do IES María Casares de Oleiros (A Coruña), recoñecía que "entre máis dos 600 alumnos, non hai ningún que fale habitualmente en galego". Porén, propuxéronlles "probar a falar en galego durante 48 horas". Nun principio, crían que poderían convencer a 30 como máximo previa sinatura dun 'contrato' co seguimento no Twitter vía o hashtag #Desafío48h. A realidade foi outra, acadaron os 200 e fíxose viral.

"Ás veces „explica Sokram, cantante do grupo galego de hip hop Dios ke te krew„ traballamos facendo obradoiros con nenos nos colexios e vemos que en comunidades do rural ocorren cousas como a de ir a Carnota e ver que nunha clase de 25 só falan galego catro rapaces. Iso é incrible e pasa, en parte, polas políticas deste goberno e pola non preocupación polo idioma". Para este músico, a culpa reside no decreto de plurilingüismo 124/2007. Pola súa parte, Monteagudo engade que "a situación é moi preocupante e a tendencia tamén" e a solución pasaría por políticas de promoción dende a administración e pola vontade das familias de transmitir esta lingua.

Pero hai familias que teñen que escolarizar os pequenos en Educación Infantil en centros onde non os van educar na lingua nai (o galego) senón en castelán e inglés pola decisión da maioría dos pais despois de cubrir unhas preguntas fixadas dende a Xunta. Unha das cuestións que conta é o idioma que máis emprega o barrio. Outra realidade é que hai pais e nais que rexeitan que o galego teña peso na educación.

Monteagudo defende que "debería haber a posibilidade de escolarizar os fillos e fillas nun ensino que se realice basicamente en galego. Foi un erro moi grave eliminar esta posibilidade (a través do decreto do plurilingüismo) do sistema educativo galego.". Outra cousa que apunta é ó uso informal, a lingua dos rapaces e rapazas que cada vez máis empregan o castelán.

Xiana Lence Vilaboa ten 15 anos de estuda 4º da ESO. Vive en Gondomar pero fai a súa vida na práctica en Vigo. Na súa casa, falan e fala galego. Fóra, emprégao con "seis ou sete amigas", tres que coñeceu na banda de música e outras tres no grupo de atletismo. En Instagram ou Snapchat manda o castelán por non estar o software en galego e co resto, a lingua usada é o castelán, adaptándose sempre á lingua na que lle fale a xente."Ás veces, falo deste tema coa miña familia. Dáme moita pena. No meu instituto, só hai un neno que fala o galego. Eu non vou deixar de falar galego pero ó mellor, xente que se atope máis insegura, si", explica a moza.

A cantante Andrea Pousa „que ten levado con Queiman os seus espectáculos musicais por medio mundo, lembren, por exemplo, Keltia„ sinala ser unha persoa bilingüe que se criou "nun entorno de fala galega". "Sempre dende pequena mo inculcaron, nunca me avergoñarei, a pesares de que cando era pequena me viñan falando castelán e trataban de ridiculizarme como lle pasou a moitísima xente. Temos que poñernos máis en valor. Segue habendo moito complexo", lamenta.

Iso, precisamente, deféndeo tamén Xosé González, promotor do Foro Enrique Peinador e doutras asociacións na defensa do galego como a Irmandade do Agro e Adegueiros coa que máis de 250 marcas teñen as súas etiquetas en galego para vender polo mundo. "Os que pensan que a salvación do galego vai estar na cultura, trabúcanse, vai estar no económico". Como exemplo, pon o vermú Petroni que malia ter a etiqueta en galego vende en Madrid, Londres ou Italia, explica Pepiño. "Por que etiquetar un viño en galego? Os consumidores que buscan produtos delicatessen buscan produtos con denominación de orixe na súa lingua. Por iso, hai que estar con singularidade no mercado", defende ó tenpo que comenta a anécdota dun comercial norteamericano que veu probar viños a Galicia. "O adegueiro preguntoulle se tiña que etiquetar en inglés. Respondeulle que non, que querían a etiqueta en galego para demostrar que foran buscar o viño a unha terra determinada", lembra.

Outro sector que se resiste ao galego, ademais dos medios de comunicación, é o xurídico. A Irmandade Xurídica Galega está formada por 200 avogados, xuíces, fiscais, procuradores, que utilizan o galego na actividade profesional. Un dos seus membros é Carlos Varela, fiscal da Fiscalía Superior de Galicia quen admite que nesta área o emprego do galego "é moi minoritario, só uns cantos empregamos o galego da maneira habitual. Non obstante, hai certo incremento no uso" cada ano. Quizais, aínda esteamos a tempo de espantar a negra sombra.