Tras varios meses de negociacións cos sindicatos, os colexios profesionais e as sociedades científicas, a Xunta aprobou onte o Plan de Atención Primaria para o trienio 2019-2021 co que pretende reformar este nivel asistencial e paliar o déficit de facultativos para cubrir as necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida. O acordo pon ademais as cifras concretas de gasto, que ata agora o Sergas non desvelara nas súas negociacións. O plan estará dotado con 102 millóns de euros adicionais sobre o orzamento xa aprobado para a sanidade, dos que 36 achegaránse este ano, 40 en 2020 e o resto, algo máis de 26 millóns, en 2021.

Do total, algo máis de 17 millóns corresponderán á partida destinada a reforzar o persoal; 5,6 a incrementar o volume de vacinas (gripe e papiloma humano) e, o groso do investimento, 79,5 millóns, a anticipar a reposición de equipamento e as reformas e construción de centros de saúde. "Adiántanse 80 millóns en obras e equipos en función da cesión de chan e dos prazos de adxudicación da Lei de Contratos Públicos", advertiu Alberto Núñez Feijóo, ao termo do Consello, dando a entender que algunhas actuacións poderíanse atrasar.

O plan prevé a contratación de 331 profesionais destinados a reforzar o persoal da Atención Primaria. Deles, 80 serán prazas de médicos de familia, 20 de pediatría, 17 novos MIR de medicina familiar e outros seis de MIR de pediatría. Ademais, incrementaranse en 130 as prazas de enfermería, catro as de farmacia, 20 as de matronas, 40 as de fisioterapia e catorce as de traballo social. En total, para este persoal "adicional" destinaranse 17,2 millóns.

A reforma inclúe o novo contrato para dar estabilidade aos substitutos, cunha duración de entre un e tres anos, e unha remuneración anual de 61.500 euros. Esta modalidade está destinada a médicos de familia e pediatras, sobre todo aos que se atopan en fase en formación e que terminan a súa residencia neste mes de maio. "Se alguén coñece algún médico ou pediatra que queira traballar en Galicia, estamos en disposición de contratalo", comentou Feijóo.