Na carballeira de Famelga (Cercedo-Cotobade), onde xogou de neno Antonio Fraguas, xuntáronse onte os representantes da cultura galega, as institucións e a veciñanza deste municipio pontevedrés para reivindicar o maxisteiro deste galeguista e seu legado de amor á lingua, á paisaxe e ao país. Foi na cerimonia coa que a Real Academia Galega (RAG) festexou o Día das Letras, adicado a este polifacético autor que foi historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo.

A chuvia do día de primavera obligou a trasladar o pleno extraordinario a unha carpa, onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acompañou ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, no acto académico. Éste foi toda unha reivindicación do papel dos mestres: do "mestre de mestres" Antonio Fraguasácabeza, pero tamén daquel escolante de Famelga, de casualidade tamén chamado don Antonio, que

convenceu á familia do noso protagonista de que non emigrara e lle dera carreira. Tamén do mestrado de Lousada Diéguez, Sobrino Buhigas e Castelao no Instituto de Pontevedra...

"Un mestre nas aldeas é un milagre para o futuro", suliñou o presidente da RAG ao dar a benvida á extensa nómina de cargos públicos que convertiron a Cerdedo-Cotobade en epicentro da cultura e as institucións galegas.

O titular do Executivo e o presidente do Parlamento encabezaron esta representación na que tamén estiveron os conselleiros de Cultura e Educación, o presidente en funcións do Tribunal Superior de Xustiza e a Valedora do Pobo. Con eles, representantes Museo do Pobo, das fundacións Fraguas e Filgueira, a Academia de Farmacia, ou os rectorados das universidades galegas.

Como limiar, a sobriña-neta de Fraguas, Carolina Martínez, descubriu unha placa na pequena escola onde un mestre guiou ao neno Antonio Fraguas polas "primeiras razóns do mundo, as primeiras chispas da curiosidade polo coñecemento, que habían de marcar toda a súa vida", lembrou Freixanes momentos despois na apertura do pleno, ao que tamén se sumaron sobriños do homenaxeado.

O acto académico principiou coa lectura do acordo plenario no que se decidiu adicar o Día das Letras 2019 a Antonio Fraguas e de seguido interviron os académicos Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Os tres debuxaron un mapa da vida

e os afectos de quen sempre combinou na súa carreira o ensino e a investigación. A súa nenez, o desenvolvemento do pensamento galeguista, o ingreso as Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos ou a inauguración do Museo do Pobo (o vello sono galeguista e proxecto vital de Fraguas) tiveron cabida neste periplo no que se falou dun "sabio humilde" que foi represaliado, que non gardou rencor e venceu aos adversarios con traballo, exemplo e palabra.

En nome da Real Academia Gelega, que fixo extensivo o recoñecemento á labor de todos os escolantes, a académica e escritora Fina Casalderrey expresou a gratitude dos presentes "polos mestres e mestras".