Miles de cidadáns saíron onte a rúa por toda a comunidade en defensa da lingua galega e para reclamar unha maior presenza deste idioma en tódolos ámbitos, especialmente na xustiza e na escola. Convocados por Queremos Galego, nesta ocasión a tradicional manifestación central en Santiago ampliouse a actos reivindicativos en catorce localidades. No caso da Coruña a marcha, na que segundo convocantes e policía participaron medio millar de persoas, recorreu o centro da cidade baixo o lema Máis que nunca, queremos galego.

Antes de partir, os convocantes da marcha na Coruña lanzaban unha mensaxe a cidadanía sobre a responsabilidade de cada un para expandir o uso do galego. "Estamos a vivir unha época moi difícil para poder vivir libremente en galego pero non podemos desfalecer na loita para normalizar o uso da lingua en todos os ámbitos. Cada un de nós somos axentes activos para perpetuar a nosa lingua, hai que falalo sen medo a non facelo con correción xa que é a unica maneira de conservar o noso patrimonio", sinalaban desde a organización desde a praza de Galicia, punto inicial da marcha.

O lugar non foi elixido ó chou. Fronte a sede do Tribunal Superior de Xustiza, un funcionario da administración xudicial explicou a case nula presencia do galego neste sector. "A situación é catastrófica, so un 5% das sentencias son en galego e todos sabemos que tras unha demanda ou un escrito, a resposta da administración soe ser en castelán", sinalou Antón Álvarez, quen achacou esta situación a que os traballadores destas entidades "non se lles esixe saber galego, euskera ou catalán" e a que non teñen unha aplicación informática que permita traballar en galego. Por iso, demandou a Xunta que poña solución e os dote deste programa.

Baixo lemas como Na Galiza, en galego, Queremos mais galego ou Aínda que chove, a lingua non encolle e con música de gaitas como acompañante, os manifestantes „entre os que estaba o alcalde Xulio Ferreiro ou o nacionalista Francisco Jorquera„ marcharon cara a praza Pontevedra, onde unha profesora do colexio Raquel Camacho denunciou que a maioría das aulas de Educación Infantil dos centros urbáns "teñen o castelán como lingua vehicular" e que a presenza de actividades en galego depende moitas veces da implicación dos profesores. O acto rematou coa lectura dun manifesto.

No resto de Galicia, a de Santiago foi unha das mais multitudinarias con 2.000 persoas.