A presidenta da Fundación Manual María e viúva do poeta, Saleta Goi, chámase así polo seu avó, quen ademais de insistir en que a pequena fose bautizada, logrou convencer aos seus pais para inscribila con ese nome, derivado dunha advocación mariana, como homenaxe a unha virxe aparecida na Salette (Francia). "A verdade é que non sei moi ben por que meu avó tivo tanto interese en que me chamaran así, porque daquela Saleta era un nome moi pouco escoitado en Galicia, aínda que no Santuario de Siador, en Silleda, hai una imaxe desa santa. De feito, teño gardada na miña casa una estampita dela que no seu momento regaloume Vicente Risco", rememora. Aínda que continúa a ser pouco común, a viúva de Manuel María recoñece que o nome de Saleta gañou certa popularidade nos últimos tempos. "Antes, cando escoitaba o nome de Saleta, non facía falta que engadiran 'Goi', xa sabía que se estaban a referir a min. Hoxe en día xa non é tan anecdótico, hai mozas novas que se chaman así, e eu mesma teño unha amiga que tamén é Saleta", sinala. Como anécdota, rememora os tempos, alá pola década dos 70, nos que Manuel María e ela rexentaban en Monforte de Lemos a librería Xistral, referente na distribución de literatura escrita en lingua galega e único punto da localidade lucense no que se podían adquirir pezas de Cerámica Sargadelos. "Unha vez veu á librería unha muller de Sober acompañada da súa neta, e non paraba de dicirlle 'Saleta ven aquí', 'Saleta para quieta'... Non chegou a comentarme nada, pero creo que quería que me dese conta de que a pequena se chamaba igual que eu, supoño que polo peculiar do nome", lembra.