Aínda que daquela os pais da escritora Ledicia Costas eran castelán-falantes, tiñan claro que a súa primeira filla tería un nome galego. "Un dos nomes galegos que máis se lles poñía entón ás nenas era Olalla, pero a eles non lles gustaba moito. Non sei moi ben cal dos dous escoitou o nome de Ledicia, e non tiveron dúbida, tanto polo seu significado como pola súa sonoridade", sinala. Ela mesma recoñece estar "encantada" e "moi orgullosa" de ser Ledicia. "É un nome moi doce, moi musical e, sobre todo, orixinal", subliña. Tan orixinal, que "podería pasar horas" contando anécdotas que lle teñen acontecido por chamarse así. Unha das máis divertidas e recorrentes é a de saír na prensa "como 'Alegría Costas". "É algo que acontece cada certo tempo. Utilizar o corrector automático do galego ao castelán e non revisar os textos é o que ten", sinala, entre risas. O seu nome tamén deu que falar cando recolleu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 2015 polo libro Escarlatina, a cociñeira defunta, ilustrado por Víctor Rivas y publicado por Xerais un ano antes. "A cerimonia celebrouse en Palencia, e o encargado de chamarme para recoller o galardón foi o ministro de Cultura, que daquela era Íñigo Méndez de Vigo. Referiuse a min como 'Leticia Costas', e cando subín ao estrado, a raíña Letizia, ao ver que no diploma poñía Ledicia, preguntoume: 'Pero o teu nome como é, Ledicia ou Leticia?'". Eu respostei: 'É Ledicia, un nome galego cuxa tradución ao castelán é alegría'. Foi un momento moi espontáneo, que espertou as risas dos asistentes", rememora. Anécdotas aparte, a autora reivindica os nomes galegos "como parte do noso patrimonio", e anima aos pais a poñelos aos seus fillos como "unha maneira mais de promover o noso idioma".