A data do seu nacemento determinou o nome da primeira catedrática de Astrofísica de Galicia, Minia Manteiga, a quen os seus pais decidiron chamar así en honra a unha santa moi venerada no lugar de Pedrouzos, no concello coruñés Brión. "Os meus pais son de Negreira, e moi preto atópase Brión, onde se conserva a imaxe de Santa Minia, moi milagreira e cunha romaría importante para toda a comarca, o 27 de setembro. Eu nacín ese día, así que decidiron aforrar en festas e poñerme ese nome, para que coincidisen o aniversario e o santo", explica. "A santa ten unha orixe italiana, foi mártir nos primeiros séculos do cristianismo e suponse que chegou misteriosamente a Galicia, embalsamada. Unha familia particular de Brión conserva a propiedade dos seus restos. Exhíbena nunha urna, aínda que eu creo que a imaxe é de cera, e o seu nome fai referencia ao seu pequeno tamaño", engade a astrofísica coruñesa.

Esta profesora da Escola de Náutica da Universidade da Coruña (UDC) recoñece que Minia é un nome coñecido "só localmente, na zona" da que proveñen os seus pais. "É pouco coñecido mesmo noutros puntos de Galicia", sinala.

Minia Manteiga é unha das compoñentes do equipo de investigadores galegos que participan na misión Gaia, a xoia da Axencia Espacial Europea (ESA), cuxo obxectivo é realizar o primeiro mapa tridimensional (en 3D) da Vía Láctea, un feito que a leva a colaborar, a cotío, con compañeiros doutras comunidades autónomas e de fóra de España que non están nada familiarizados co seu nome. "Sempre presupoñen que é un diminutivo de Herminia, e adóitanmo cambiar. Tamén adoitan crer que provén doutros nomes como Emilia ou Miriam... polo que sempre me toca ter que dar explicacións e mesmo deletrear", conclúe a investigadora coruñesa.