O gaiteiro coruñés Bieito Romero, membro fundador do grupo Luar na Lubre, non foi sempre Bieito, malia que "o 90%" dos seus coñecidos pensan que ese é o seu nome oficial, e só un reducido grupo da súa contorna máis próxima refírese a el como "Beni", o diminutivo cariñoso da súa infancia. "No meu DNI figuro como 'José Benito', pero son Bieito. Todo o mundo me chama así dende que teño 17 anos, que foi cando unha moza que tiña me descubriu que existía a forma galega do meu nome. Recoñezo que se non o cambiei de xeito oficial foi por vagancia", sinala. O seu único fillo varón si foi rexistrado xa coa forma galega do nome. "El xa figura nas estatísticas", remarca.

Romero recoñece que fóra de Galicia o seu nome tende a gustar moitísimo, sobre todo no exterior. "No resto do Estado español a xente adoita pensar que Bieito e un apelido, mesmo me teñen preguntado se son familia do escenógrafo Calixto Bieito ou do xornalista galego Bieito Rubido, malia que non temos absolutamente nada que ver", comenta. "Noutros países é un nome que chama bastante a atención e que gusta moito, aínda que o feito de ter tres vocais xuntas ás veces supón un problema á hora de pronuncialo", engade.

O fundador de Luar na Lubre aplaude o feito de que cada vez mais pais e nais opten por poñerlle nomes galegos aos seus fillos, e agarda que "coas dinámicas dos tempos" o seu uso se acabe xeneralizando e teñan tanto tirón como os nomes en catalán ou en euskera, que hai xa moito tempo que atravesaron as fronteiras dos seus territorios de orixe para espallarse por España adiante. "En todo o relacionado coa nosa fala imos un pouco a remolque doutros territorios, e neste tema dos nomes tamén, pero eu confío en que co tempo e coas novas xeracións o uso de nomes galegos tamén se normalice porque son una parte importante do noso patrimonio e hai moitas formas fermosísimas que se están a perder", advirte.