Elisa e Marcela, a película de Isabel Coixet producida pola compañía galega Zenit TV co apoio da Xunta, chega esta fin de semana ás salas de cine despois de ter desenvolvido maioritariamente unha rodaxe en localizacións galegas e de xerar máis de 1,5 millóns de euros na contratación de equipos e profesionais do noso sector audiovisual. Así o cifra a propia produtora, que asumiu un proxecto que supera os 1,6 millóns de euros ao que contribuíu unha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) de 240.000 euros. A filmación supuxo 13 xornadas de rodaxe en Galicia, das 23 desenvolvidas, o que equivale a máis do 56% do período de gravación. Durante este

tempo, contratáronse máis de 200 persoas entre persoal artístico, técnico e de

figuración en 191 convocatorias de traballo.

As secuencias rodadas en Galicia rexistráronse en paraxes repartidas nas provincias da Coruña (San Xunta de Bastabales, praia da Aguieira e montes de Portosín e máis Luaña) e Ourense (Boborás, Pazos de Arenteiro, Moldes e Celanova).

A fita, que conta a historia das dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901 „no considerado como primeiro matrimonio homosexual de España„ está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández. Xunto a elas, completan o reparto nove actrices e actores galegos: María Pujalte, Tamar Novás, Sara Casasnovas, Roberto Leal, Manuel Lourenzo, Luisa Merelas, Mariana Carballal, Elena Seijo e Cova Verdiñas.

Despois de terse presentado na pasada Berlinale, a estrea será a partir de mañá en seis cines galegos, ademais dos pases previstos en Madrid, Barcelona e Málaga. Na comunidade galega, as salas que proxectarán a película son Cantones, na Coruña; Numax, en Santiago; Multicines Norte, en Vigo; Cines Xunqueira, en Cee; Cinexpo, en Pontevedra; e Cines Pontevella, en Ourense. Na plataforma dixital Netflix estrearase o 7 de xuño e para o vindeiro ano 2020 poderase ver en TVG, TV3, Canal Sur, Aragón TV, Castilla-La Mancha TV e Televisión de Canarias.