A longametraxe A sombra da lei, da productora coruñesa Vaca Films e participada pola Televisión de Galicia (TVG), acaba de facerse co Premio Torc ao mellor filme no Celtic Media Festival. Esta película, que se enfrontou coa produción galesa The NHS: To Provide All People e coa escocesa The Party's Just Beginning, é un thriller de gángsters situado na Barcelona de principios de século XX, cun convulso trasfondo político e social. Trátase da segunda película do cineasta monfortino Dani de la Torre, con Luís Tosar como protagonista e producida por Vaca Films.

O premio foi recollido pola xefa de Contidos da Televisión de Galicia, Montse Besada, quen destacou que este recoñecemento é tamén para Dani de la Torre, os produtores da película e para todo o equipo, e avanzou que o seu director xa está traballando nun novo proxecto.

Amais deste galardón, a Crtvg acudiu á 40 edición deste certame, que onte finalizou na localidade escocesa de Aviemore, con outras tres candidaturas finalistas: o programa da Radio Galega Diario Cultural (na categoría de Radio music programme), o espazo da TVG Historias mínimas ( Factual Series) e o docudrama Caso Diana Quer: 500 días ( Single Drama).

O Celtic Media Festival, destinado a difundir e recoñecer os traballos de radiodifusión e audiovisual, é unha competición internacional que reúne os principais xéneros de contidos en televisión, radio, cine e medios dixitais. É un festival único, que promove a cultura e linguas dos países celtas e reúne profesionais con talento para amosar o que se está a facer nos territorios celtas.