O programa Ribeiras de Salitre da Televisión de Galicia (TVG) achégase esta semana á ría de Ribadeo, aberta á vida, aos sentimentos e á cultura mariñeira, onde os homes e mulleres do mar desde Rinlo a Tapia de Casariego trazan os rumbos das súas vidas. Neste porto de marisqueo e artes menores, as especies que máis destacan son o polbo, a nécora e o percebe.

En Rinlo, o programa atopará a Mari Carmen Río, que andou ao percebe toda a súa vida e a quen lle custou moito retirarse. O seu agora é ensinarlles o oficio ás percebeiras das novas xeracións, como a súa filla, Coté Fernández.

Son moitos os encantos do porto e da cidade de Ribadeo, pero un moi especial porque ademais serve de vínculo entre a propia cidade e o mundo do mar, é a praza de abastos, que conta cunha enorme tradición en toda a comarca e onde o peixe e o marisco teñen un protagonismo especial. Na praza de Ribadeo, X.H. Rivadulla Corcón falará coa peixeira Loreto Tojo.

O espazo da Televisión de Galicia (TVG) tamén se desprazará ao veciño porto asturiano de Tapia de Casariego, onde os seus profesionais comparten mar cos de Ribadeo e moitas veces tamén atracan no seu porto, como testemuñará Diego García, un mariñeiro aínda moi novo, pero un enorme entusiasta da pesca de baixura.

Ribeiras de Salitre tamén fará parada nas Figueiras, outro dos portos asturianos que comparte o traballo do mar con Ribadeo. Alí, o presentador do programa falará con Miguel González, que xa leva anos retirado e que traballou no Gran Sol cos mariñeiros da outra beira da ría.

Outra das protagonistas deste domingo será Celia Pacio, que traballou primeiro de mariscadora e os últimos 18 anos foi percebeira, o traballo que máis lle gustou. Hoxe vai facer de cociñeira preparando unhas luriñas recheas. O colofón musical correrá a cargo do Coro da Mariña, un dos grupos da zona que lle dá vida á música do mar.