Amador Castro, Enma Pedreira e Rosa Aneiros son os gañadores do Premio Xerais de Novela, do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e do Premio Merlín de Literatura Infantil, respectivamente, anunciou a editorial galega nun comunicado. Os tres galardóns están dotados con 10.000 euros cada un.

Castro (Nandulfe-Chantada) gaña o Premio Xerais de Novela, no que concorreron 44 obras, con Shanghai a Barcelona, unha novela sobre a emigración galega a Barcelona. O xurado estimou que esta obra presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade. "Destacamos a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus", suliña o xurado. En declaracións facilitadas por Xerais, o vencedor recoñece que "comecei tarde nisto da novela. Non na literatura", cos problemas da adolescencia". A nova do premio colleuno nas Baleares. "Do teu lado un trebón que te abanea de lado a lado, unha cicloxénese explosiva que arrasa coa tranquilidade que estabas a vivir nas praias de Menorca. Agora, éncheme o corpo todo un enorme sentimento de agradecemento para toda a xente que sempre creu en min".

Por outra banda, o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, no que concorreron 20 obras, recaeu en Emma Pedreira por Os corpos invisibles. No seu ditame, o xurado sinalou "a orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres. Tamén destacan o tratamento da violencia económica e a loita por ver recoñecidos os logros científicos e intelectuais das mulleres fronte á apropiación que deles fixo o patriarcado ao longo da historia".

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é filóloga, poeta e narradora. Membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Forma parte da denominada Xeración Poética dos 90. Segundo as verbas recollidas pola editorial, Pedreira sinala que "gañar o Jules Verne é unha absoluta sorpresa. Téñolle moitísimo respecto á literatura escrita para ese que é o público máis esixente, natural, curioso pero tamén o máis agradecido, o infanto-xuvenil. Tardei en chegar ate aquí e decidirme a escribir unha historia que me levase a dialogar coa xente máis nova ou, mellor aínda na que eu puidese facer de medium para que a historia fale coa rapazada a través de Os corpos invisibles.

Finalmente, o Premio Merlín de Literatura Infantil, no que concorreron 28 obras, foi para Rosa Aneiros por Xelís, o guieiro das botellas de mar. O xurado destaca "a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico". Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega, e colabora habitualmente en distintos medios de comunicación. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser, á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002); Resistencia (Xerais 2003), Premio Arcebispo San Clemente, 2003; O xardín da media lúa (2004); Veu visitarme o mar (Xerais 2004); Ás de bolboreta (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil, 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010. No vindeiro mes de setembro aparecerá publicado na colección Merlín de Xerais Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, obra coa que gañou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil.