O programa Ribeiras de salitre da Televisión de Galicia (TVG) achégase esta semana a Noia, un dos portos galegos con máis historia, de pesca de baixura e altura e de transporte marítimo de mercadorías. A súa confraría é a de máis socios de toda Galicia, 1.500, principalmente mariscadores, pero tamén os hai que traballan as artes menores.

O recurso principal no porto de Noia é, sen dúbida, o berberecho. A presidenta da agrupación mariscadora de a pé, Marisol Amado, explicará a súa importancia para as familias desta ría. Moncho Pais tamén vai ao berberecho, pero neste caso a flote, na súa embarcación de máis de 20 anos.

X.H. Rivadulla Corcón tamén falará esta tarde co director do Museo do Mar de Noia, Félix González, cuxa vida transcorreu no mar como capitán de pesca de altura. Con el, o equipo do programa visitará unha das moitas carpinterías de ribeira que hai nesta costa, repartidas entre os concellos de Noia e Serra de Outes. Hoxe están case sen actividade, pero no século pasado constituíron unha das zonas con máis construcións de barcos de toda Galicia.

Por outro lado, con Segundo Blanco, Ribeiras de salitre repasará a súa vida de máis de catro décadas traballando o mar e, con Adoración Blanco, coñecerá o traballo que se facía nas lanchas sancosmeiras, autóctonas dos concellos de Noia e Serra de Outes, que tiñan como obxecto o transporte de mercadorías entre os diferentes portos da ría de Muros e Noia. Tiñan a particularidade de que as patroas destas embarcacións eran maioritariamente mulleres, unha delas a propia Adoración.

Outra das protagonistas do programa deste domingo será Ángeles Rial. Non traballa o mar, pero sénteo moi fondamente no seu corazón e canaliza a súa paixón colaborando co Museo do Mar de Noia e escribindo poemas sobre o mar. Ángeles tamén lle dá á cociña e hoxe vai preparar un prato que ten moito que ver con Noia: filloas recheas de berberechos.

Os espectadores do espazo da TVG tamén poderán dar un paseo polas súas rúas ata a praza do Tapal, onde se atopa a igrexa monumental de Noia e onde asistirá á actuación do grupo de música tradicional Son da Ría.