Na entrega desta noite do programa Galicia bonita da Televisión de Galicia (TVG), Rosa e os seus fieis colaboradores chegarán ata Arteixo. Na vivenda de Ana, Javier e Shaila, un enorme pendello acompaña un galiñeiro a piques de caer por si mesmo. Coa imprescindible axuda dos propietarios e dos seus colaboradores, a arquitecta deberá facer fronte a unha gran dose de amianto, bloque, somieres e inventos caseiros para recuperar a fermosa contorna que os rodea.

Por outro lado, a TVG dará conta esta noite do ambiente que se viviu esta xornada na celebración da Romaría do Corpiño. Cada 24 de xuño, milleiros de fieis acoden ao santuario do Corpiño de Lalín para venerar e pedirlle protección á virxe milagreira. A tradición de peregrinar ao Corpiño polo día do san Xoán traspasa fronteiras e crece o número de crentes que se achegan á parroquia lalinense de Santa Baia de Losón para pedirlle á virxe que lles cure os males.

Neste especial, a canle pública galega acompaña os fieis na súa devoción á virxe do Corpiño e, ao rematar as ofrendas, amosará como os asistentes se achegan aos postos de venda arredor da capela, onde mercan estampas ou escapularios, e gozan dunha churrascada ao carón do santuario.

Tamén A Revista estará hoxe en directo nesa romaría, onde como cada ano milleiros de fieis visitan á virxe milagreira para que lles cure e lles quite os males.