A Televisión de Galicia (TVG) achega desde esta noite o mundo das verbenas aos fogares galegos coa estrea de A Liga dos cantantes extraordinarios. Dun xeito divertido e dirixido a toda a familia, este novo concurso buscará a mellor voz entre os cantantes das principais orquestras que enchen de música e espectáculo as nosas festas.

A Liga dos cantantes extraordinarios ofrecerá unha oportunidade para divertirse en familia con grandes cancións, ben cantadas e executadas, cunha posta en escena espléndida e que xogará co enfrontamento xeracional dos diferentes estilos musicais. A todos estes ingredientes sumaráselle o bo humor que lle porán todos os participantes, comezando por Paco Lodeiro, o mestre de cerimonias. Neste novo concurso tamén terá un peso destacado o xurado profesional, formado por Pili Pampín, Lito Garrido, Mon (Monopolius Dop) e Lucía Pérez, que avaliará en cada edición as actuacións de 8 cantantes. Amais, gozarase en cada emisión coas intervencións dun artista extraordinario. E tamén serán colaboradores do espazo os televisivos Pepe Capelán e Ariadna Leis.

En cada gala, os aspirantes darán o mellor para gañar a elección dunha bancada representada por catro xeracións diferentes. Será difícil agradar os esixentes membros do xurado e só un participante en cada gala será o que pase directamente á gran final, mentres que os que quedan e unha nova incorporación semanal seguirán loitando por un posto nas galas sucesivas. Esta noite, na estrea de A Liga dos cantantes extraordinarios participarán: Noly (Los Satélites), Rosa do Mar (orquestra Miramar), César Romero (orquestra Cinema), Tania Veiras (grupo Tania Veiras), Peke (La Fórmula), Diego Moreira (París de Noia), Eulícer Arostegui (orquestra Olympus) e Iria Riola (orquestra Trébol).