O alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras coñeceu onte a Real Academia Galega (RAG) e a súa historia da man do presidente da institución. Víctor F. Freixanes impartiu a conferencia inaugural da trixésimo segunda edición destes encontros, organizados desde 1988 pola Academia en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago. O máximo responsable da RAG deulles a benvida aos setenta estudantes matriculados nesta edición, procedentes de máis de vinte países de Europa, América, África e Asia, e explicoulles as orixes e funcións da Real Academia.