As historias de amor máis románticas volven á Televisión de Galicia (TVG) cunha nova temporada de Casamos!, o programa que ofrece un retrato coral sobre o universo das vodas en Galicia.

Esther e Samuel, os protagonistas desta noite, estaban preto e lonxe á vez. Os dous traballaban na mesma empresa gasolineira, iso si, un en Raxó e o outro na Pobra do Caramiñal. O destino quixo que se xuntaran para ir a unha reunión en Madrid, á que en principio non estaban convocados.

Axiña conectaron e comezaron a quedar, pero a distancia pesaba moito na súa relación e causaba estragos. Tamara, a filla de Samuel, foi a que primeiro se mudou xunto a Esther, e Samuel non tardou en facer as maletas e unirse á familia. Agora, tras cinco anos de relación e unha pedida de man ben orixinal, Esther e Samuel deciden dar un paso máis e casar. Farano nunha voda íntima, chea de detalles e rodeados da xente que os quere.

'Adiviña quen vén esta tarde'

Por outra banda, Adiviña quen vén esta tarde non podía perder o día das Peñas de Boiro, polo que hoxe fará o seu programa en directo desde o Parque da Cachada desta vila. O equipo do programa estará por suposto coas Peñas, eses grupos de amigos que se xuntan para gozar destas festas. Tamén coñecerán os remeiros de Cabo de Cruz, o club de traíñas que leva o nome de Boiro por todo o mundo. A banda sonora desta tarde poraa Mar Dávila, un talento da Pobra do Caramiñal.