O programa Ribeiras de salitre irá hoxe ás rochas cos homes e mulleres do mar do Pindo, que recollen principalmente ourizo, percebe e mexillón, xa que este porto está dedicado esencialmente ao marisqueo a pé.

Nas rochas do mar estará X.H. Rivadulla Corcón con Noelia Insúa, que aínda que leva só dous anos de mariscadora, non atopa nada estraño neste oficio, xa que toda a súa familia traballa no mar. E dunha novata a unha veterana: Teresa Lado, que se retirou do mar hai tres anos.

Outra das protagonistas do programa desta tarde será a secretaría da Confraría do Pindo, Merche Díaz, que falará das xornadas que organizan todos os anos sobre a cultura mariñeira no Pindo, onde os nenos e nenas teñen unha participación importante.

Da salgadura e da conserva do Monte Pindo e do que representa para as xentes mariñeiras desta ribeira falará o programa co presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Xil Caamaño. Como memoria viva deste mar, Ribeiras de salitre contará co testemuño de Marina Riveiro, de preto de 90 anos, case todos eles traballando en oficios do mar.

Ademais, María Vázquez, que foi mariscadora toda a súa vida, convidará o equipo do programa a comer caldeirada de maragota e as Pandeireteiras da Solaina, un grupo de mulleres moi alegres e moi reivindicativas dos dereitos das mulleres, interpretarán cancións que falan do Pindo, compostas por elas mesmas.

'Vaia troula'

Por outra banda, un domingo máis, Vaia troula, o programa máis festeiro da Televisión de Galicia (TVG), chega cargado de sorrisos e bo humor. Nesta ocasión, Nieves Rodríguez daralles a benvida aos espectadores desde A Illa de Arousa, onde celebran as súas grandes festas do verán. A presentadora terá a oportunidade de participar no día dedicado á Virxe do Carme, en que a procesión marítima é o momento máis agardado por todos.

A reporteira Adela Bértolo tamén estará na Illa para gozar do día de San Ramón. Nesta xornada, a romaría campestre congrega milleiros de persoas para comer, cantar e bailar. Bértolo terá unha fin de semana ben completa, xa que ademais pasará por Ribeira, un concello que estes días é unha auténtica troula grazas á Festa da Dorna.

Pola súa parte, a reporteira Raquel Pérez vai poder saborear un dos nosos produtos máis recoñecibles no verán, o pemento do Couto, que conta cunha festa en Narón, á que a cada ano acode máis xente. E Belén Rivero irá de concerto ao parque de Castrelos, en Vigo. A música de Leiva será a protagonista dunha actuación en que haberá máis de 20.000 persoas.

As cámaras de Vaia troula tamén estarán presentes na Festa da Pescada do Pincho de Celeiro, en Viveiro, onde os asistentes poderán gozar dunha chea de preparacións distintas deste manxar dos nosos mares.

O Mercado Medieval de Corcubión; as Festas de Vilaboa, en Culleredo; as espectaculares Carrilanas de Esteiro, en Muros, e a Exaltación da Chanfaina e a Carne do Suído, en Fornelos de Montes, completan o menú trouleiro para o programa deste domingo. A actuación da orquestra La Favorita poralle o broche final a un Vaia troula espectacular.