Os Cursos de lingua e cultura galega Galego sen fronteiras concluíron onte cun "ata logo" ao alumnado procedente de vinte países de catro continentes. O acto de entrega de diplomas puxo fin a tres semanas de inmersión lingüística e cultural a través desta iniciativa coorganizada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago. Os cursos funcionan como "semente do país", salientou o secretario da Academia e codirector desta actividade, Henrique Monteagudo, en referencia ás moitas persoas que, tras pasar polas súas aulas, seguen a traballar en relación coa lingua e coa cultura galegas desde os seus países.