A Televisión de Galicia ( TVG) celebra esta noite o Día de Galicia por todo o alto, coa tradicional Gala do 25 de Xullo, con Xosé Ramón Gayoso como mestre de cerimonias. O presentador de Luar estará acompañado por Lucía Rodríguez, Alba Mancebo e Fran Cañotas, tres caras novas da Televisión de Galicia, aínda que moi populares xa para a audiencia da canle pública galega.

A gala dedicarase este ano ao traxe galego, con todas as tradicións e particularidades que leva parellas. Os presentadores vestiranse co noso traxe tradicional e polo escenario tamén desfilarán, ataviadas para a ocasión, caras coñecidas da TVG, como Nieves Rodríguez, Adrián Díaz, Paco Lodeiro, David Perdomo, Arturo Fernández, Patricia Fernández Santana e Rodrigo Vázquez, entre outros. En directo desde o Plató 1.000, a Gala do 25 de Xullo contará cun elenco de relevantes artistas galegos dos máis variados estilos, como Cristina Pato, a gaiteira galega máis internacional, gañadora dun Grammy; Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk galega; Rosa Cedrón, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego; o grupo Baiuca, que mestura os sons tradicionais galegos coa electrónica e que presentará o seu proxecto de fusión xunto ás pandeireteiras de Aliboria, e a nova promesa da canción Sabela, natural das Pontes, que se deu a coñecer ao gran público tras o seu paso polo concurso Operación Triunfo.

O rock bravú estará representado polos Heredeiros da Crus, un grupo que marcou a historia da música galega. O programa tamén contará coa actuación doutra lenda viva do rock galego: a veterana banda de Cangas do Morrazo Astarot.

Tamén están convidadas a esta velada tan especial a cantante Lucía Pérez, que celebra 15 anos no mundo da música co seu novo álbum, Quince Soles; a banda viguesa de punk rock Killer Barbies; o cantautor Amancio Prada, que destaca pola súa contribución á difusión da lingua e da cultura galegas ao longo dunha traxectoria musical de máis de 40 anos; o cantante e actor ourensán Christian Escuredo e a orquestra Johnny Maquinaria, unha nova formación canaria que vén ao noso país coa ilusión de conquistar o público das verbenas galegas.

O amplo cartel musical desta noite completarase coas actuacións da artista arzuá MJ Pérez, do Coro Cantigas e Agarimos, do histórico grupo de música tradicional Treixadura, das cantareiras de Malvela, do grupo de percusión Odaiko, que actuará xunto a Nova Galega de Danza, e de Xestreu, un grupo de mulleres que coas súas voces fan un percorrido polos ritmos tradicionais, mergullándose no canto dos pobos.

Ofrenda ao Apóstolo

Horas antes, a TVG iniciará esta mañá coa Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago unha variada retransmisión de actos conmemorativos do Día de Galicia no noso país. Coma cada 25 de xullo, a canle autonómica ofrecerá en directo este evento, que un ano máis lle dá continuidade á tradición instaurada por Filipe IV en 1643 e que nesta ocasión se celebrará na igrexa de San Martiño Pinario, debido ás obras no interior da catedral.