O programa Ribeiras de salitre navega esta semana cara ao porto de Bueu, na ría de Pontevedra, para coñecer unha forma de entender o mar en positivo, por parte dos 300 homes e mulleres asociados á confraría, que traballan as artes menores e o percebe.

O equipo do espazo da Televisión de Galicia (TVG) acudirá a Cabo Udra para falar coa percebeira Mari Luz Piñeiro, que traballa o percebe co seu home, as súas cuñadas e os seus tres fillos. En definitiva, unha familia enteira de percebeiros. X.H. Rivadulla Corcón tamén falará con Covadonga López de Prado, directora do Museo Massó, un dos museos do mar de maior prestixio de toda Galicia.

Unha embarcación que distinguiu os mariñeiros de Bueu no século pasado é a lancha polbeira. Houbo un tempo en que máis dun milleiro de lanchas polbeiras traballaban no porto de Bueu. Na actualidade, as polbeiras seguen vivas e surcando o mar grazas ao esforzo da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos. O seu presidente, Víctor Domínguez, contará a historia das lanchas polbeiras.

Tamén serán protagonistas esta tarde no programa a fotógrafa Alba Sotelo, que capta coa súa cámara a verdadeira beleza do mar: a do traballo, e o patrón maior de Bueu e presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra, José Manuel Rosas, que explicará a súa íntima relación co mar.

Unha das prazas de abastos con máis de vida de todas as que se poden atopar na costa galega é a de Bueu. Unha das súas peixeiras, Mari Carmen González, cociñará para o equipo do programa o coñecido como 'rañorte', un peixe da familia dos melgachos. Ademais, os espectadores descubrirán no mariñeiro José Lobeira, máis coñecido como Seso de Pesquella, un virtuoso da harmónica.

'A Revista Fin de Semana'

Por oura banda, o programa A Revista Fin de Semana ten hoxe unha cita en directo coa Feira das Marabillas da Coruña, que fai 25 anos con máis de 200 postos ao longo e ancho da Cidade Vella e actividades lúdicas de todo tipo, como música, teatro ou danza, coa oferta gastronómica como outro dos principais atractivos para os visitantes. A arte e a fantasía do Medievo inundan a zona antiga da cidade durante cinco intensas xornadas, en que as rúas estarán cheas de malabaristas, postos de artesanía, concertos, torneos, etc.

De volta no estudio de gravación, Almudena de Urzáiz entrevistará a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que falará sobre os últimos casos de violencia machista.