Pequeno en dimensións, pero gran mar o do Carril na ría de Arousa. Universo de ameixas e tamén de anguías, sollas, mexillóns... e tradición mariñeira de moitos séculos atrás. A elegancia deste mar está na actitude dos 450 socios da confraría, que traballan os parques de ameixa, o marisqueo a pé e a flote, artes menores e tamén as bateas.

Con Antonio Pesado e os seus dous fillos sairá o programa Ribeiras de salitre a pescar anguías coa arte do viturón, un día de vento forte. A aventura do programa nos portos abarca sempre coñecer non só o seu presente, tamén o seu pasado e, é moi importante, o futuro. No Carril parte deste futuro é o traballo que fai Cristian Brea, aínda un mozo, pero que xa leva anos traballando e compaxinando o marisqueo a flote, coa explotación dun parque de ameixa e co traballo nunha batea familiar. Pupe Jueguen é propietaria dun parque de ameixa, pero tamén traballa con entusiasmo o marisqueo a pé. Explicará as peculiaridades das dúas formas distintas de explotar a ameixa e como se trata de xeitos complementarios.

Amais, hoxe a coral Alento Xoven interpretará música inspirada na historia do mar, no restaurante A Esmorga conversarase con Lolita García e compartirase un xantar mariñeiro que elaborará Marisa Barcia. Por último, con Rita Vidal falarase do que significa a asociación de mariscadoras Amar Carril, que pon en valor o seu traballo.

'Vaia troula', en Santa Margarida

Por outra banda, o espacio Vaia troula estará en Bandeira para celebrar coas súas xentes a Festa da Empanada. A presentadora Neves Rodríguez viaxará ata alí para gozar dunha troula, en que haberá charangas, gaitas e un concurso onde se escolle a mellor empanada.

A reporteira Belén Rivero dará conta dunha nova edición da Malla tradicional de Doade, no concello de Lalín, e Raquel Pérez irá a Xinzo de Limia, onde se celebra a Festa do Esquecemento, unha das mellores recreacións da época romana que hai en Galicia. Pola súa banda, Adela Bértolo estará en Soutelo de Montes na súa Festa do Gaiteiro, que se converteu nunha homenaxe a Avelino Cachafeiro.

Vaia troula tamén estará presente na Festa de Santiago de Oliveira, en Ponteareas; na xira dos Caneiros, en Betanzos; e na Romaría de Santa Margarida na Coruña. Ademais, a audiencia poderá asistir ás Festas de San Bartolomeu de Noia, do Castelo Conta de Culleredo, das Festas do Mar de Combarro e bailar cos sons da orquestra Marbella.