Un total de 70 ciclos de Formación Profesional (FP) imparten este curso parte do seu currículo nunha lingua estranxeira. Ademais, o ciclo de grao superior en Mantemento aeromecánico de avións con motor de turbina (impartido no CIFP As Mercedes, en Lugo) será un dos primeiros en Galicia en incorporar o Módulo de Lingua Estranxeira Profesional, módulo propio da Comunidade Autónoma para facilitar a capacitación en idiomas ao alumnado de ciclos formativos. Segundo a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, hai 43 novos ciclos formativos plurilingües. E continuan impartíndose na correspondente lingua en segundo curso 27 ciclos que foron autorizados para o curso 2018-19.

Os ciclos formativos plurilingües teñen como finalidade a mellora das competencias lingüísticas do alumnado de FP para mellorar a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos. O desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas estranxeiras facilita o desempeño laboral dos titulados no espazo europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a Consellería a través de iniciativas como o programa Erasmus+. Esta liña de acción dá resposta ás necesidade de competencias lingüísticas expostas polas empresas e institucións.