A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abriu a convocatoria para que un total de 30 centros públicos se incorporen este curso ao programa Radio na biblio, que ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.

A iniciativa busca favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. A experiencia dos 50 centros que xa participan en Radio na biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos que se realizan no centro.