O poeta e xornalista coruñés Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía no ano 2013, faleceu o pasado martes ós 87 anos na cidade da Coruña onde residía. O mundo da cultura galega, así como distintas personalidades públicas, expresaron a súa pesar pola perda deste prolífico autor, que desenvolveu a práctica totalidade do seu labor literario en lingua galega. O seu corpo está a ser velado no tanatorio Servisa e está previsto que hoxe sexa incinerado.

Coa meirande parte da súa obra escrita en galego (nove libros, fronte a dous en castelán), Álvarez Torneiro convertíase hai seis anos no primeiro autor en gañar o Premio Nacional de Poesía por unha obra en lingua galega. Foi con Os ángulos da brasa, editada por Kalandraka, un poemario que o propio autor definía coma un "tributo á memoria" e que deixa entrever moitas das influencias que poden rastrexarse nas obras de Álvarez Torneiro que confesábase un gran admirador de Pablo Neruda, Octavio Paz ou Vicente Aleixandre. " Os ángulos da brasa é un libro de poemas que ven a continuar o xa feito anteriormente porque, como di Octavio Paz, un poema nunca é algo terminado en sí mesmo senón o proxecto doutro poema que ó mellor nunca chegaremos a escribir", aseguraba o poeta coruñés que no momento de gañar o Premio Nacional amosábase "incrédulo" e "emocionado" e que aseguraba amar o galego "intensamente, cun amor dos que non se esquecen xamais".

Nado na Coruña en 1932, Álvarez Torneiro estudiou na Escuela Superior de Altos Estudios Mercantiles e tras desempeñar varios traballos comenzou a exercer como xornalista, segundo explican desde o centro de documentación da Asociación de Escritotes en Lingua Galega. Pese a que desde os 17 ou 18 anos tiña a necesidade de escribir poesía, non publicará o seu primeiro poemario ata que cumpre os 50 anos: Memoria dun Silencio en 1982.

Desde entón publicou títulos como Rigorosamente humano (1995, Premio Esquío); Luz de facer memoria (1999, Premio González Garcés e Premio da Crítieca); Campo segado (2001); Epicentro (2003); Setembro Stradivarius (2004), e Parábola do incrédulo (2006). O seu maior recoñecemento, no entanto, obtívoo con Os ángulos da brasa, publicada en 2012, que, ademais do Premio Nacional de Poesía que entrega o Ministerio de Cultura, obtivo tamén o da crítica de poesía en lingua galega e o Premio Ánxel Casal.

A editora galega Kalandraka, na que saiu ó mercado esta galardonada obra do poeta coruñés, lamentou onte nas súas redes sociais a "inmensa perda" que supón para a literatura galega a morte de Manuel Álvarez Torneiro, un gran autor o que definen como "un ser entrañable".