Informar, asesorar e acompañar a todas aquelas mulleres que queren dar o paso de emprender. Este é o obxectivo do Servizo de Creación de Empresa da Fundación Mujeres, onde analízase desde a idea inicial de negocio ata a viabilidade do mesmo ou todo o proceso que haberá que facer para arrincar desde cero. "Facémolles moitas preguntas coa idea de que antes de que emprendan, sexan elas as que as respondan para elas mesmas", sinala Rosalía Romarís, unha das asesoras do servicio nesta entidade que tamén axuda a buscar emprego, forma a coidadoras non profesionais de dependentes ou traballa coas empresas na creación de plans de igualdade. Fundación Mujeres colabora con este xornal na organización da segunda edición da xornada eWoman Coruña, na que participarán mulleres líderes de diferentes ámbitos e que se celebrará o vindeiro día 24 no hotel Meliá María Pita da Coruña.

Hai menos mulleres emprendedoras que homes, a que cre que se debe?

O emprendemento feminino está algo por embaixo do masculino e creo que débese por unha banda a algo educacional pero tamén a unha cuestión de tempo. O emprendemento conleva unha dedicación importante de tempo e moitas veces quen asume as tarefas de coidados ou responsabilidades que non teñen valor económico nos fogares seguen a ser as mulleres. Pero nos últimos anos nótase certo repunte no número de mulleres que queren traballar pola súa conta, sobre todo nalgúns sectores. Aínda que tamén é certo que hai moito emprendemento que figura así nas estadísticas e non é tal. Hai sectores no que prácticamente se obriga a ter un contrato mercantil.

Hai diferencias á hora de emprender entre homes e mulleres?

Creo que hai moito estereotipo. Realmente non hai grandes diferencias. Aínda así, é certo que as mulleres son mais inimigas de pedir moita financiación, son máis cautas á hora de arrincar un proxecto e prefiren empezar pouco a pouco, cun proxecto máis persoal.

Desde a Fundación Mujeres, como se axuda a quen está interesada en abrir o seu propio negocio?

O primeiro que facemos son moitas preguntas, coa idea de que sea a propia muller quen as responda para ela mesma. Hai que ter clara a idea de negocio e se non está tan clara, axudámoslle a darlle unha volta. Despois hai que analizar a viabilidade do negocio desde o punto de vista técnico, económico e de financiación e ademais é importante que a futura emprendedora se forme. Por iso, na Fundación impartimos cursos de creación de empresas ou talleres sobre como defender o teu negocio en público, entre outros.

Que lle aconsella a quen teña na cabeza a idea de converterse en emprendedor?

O primeiro é informarse ben e analizar a viabilidade do negocio porque unha cousa é sobre o papel e outra á realidade. Compensa adicar tempo e enerxía a facer un plan de empresa porque así aforraremos disgustos e axuda tanto na toma de decisións coma en onde poñer o foco.

Veñen as novas xeracións con máis ganas de emprender?

É certo que hoxe en día na universidade xa se lles fala e se lles achega ó emprendemento e o traballo por conta propia, pero creo que os que nada máis acabar a universidade xa pensan niso son un perfil minoritario. De feito creo que non é o aconsellable porque é un risco importante. Antes de emprender hai que analizar e coñecer ben o mercado.

Tamén hai menos mulleres nos postos diretivos das empresas e son moitos os que cren que se debe ás dificultades para conciliar. Está dacordo?

É un tema moi delicado. A brecha salarial nos postos directivos non é tanto polo salario de referencia coma polos complementos. E aí ocorre ás veces que as mulleres directivas non queren oun non poden ter a disponibilidade que a sociedade si parece entender que teña o home. No caso das mulleres prodúcese unha dicotomía. Por unha banda se lle exixe unha responsabilidade no seu posto de directiva e por outra, a sociedade tamén lle exixe que teña en conta as súas obrigas domésticas. É unha situación que neste momento eu vexo de difícil solución.

É máis sinxelo conciliar se unha é a súa propia xefa?

Depende, o emprendemento supón unha gran dedicación de tempo e pode ser precisamente todo o contrario. Se tes local aberto ó público dependes dun horario salvo que arranques xa con persoal e deixes para ti o horario que precises, pero iso non é o habitual. E outro caso son as mulleres que traballan desde casa. Aí si que pode ocorrer que estés a traballar un domingo as sete da mañá e o luns, sen embargo, podas levar os nenos o colexio ou o médico. Aí hai unha falsa liberdade horaria que ó final fai que se mesture a xornada laboral coa vida persoal.

A Fundación Mujeres non so axuda ó emprendemento. Que outros servizos ofrece?

Ofrecemos tamén asesoramento á hora de buscar emprego, temos cursos, tutorias e servizo de intermedicación. Tamén temos o proxecto Cuidadanas, para as mulleres que coidan na casa dalgún familiar con dependencia. Ofrecemos obradoiros, charlas ou xornadas para que aprendan a cuidarse elas mesmas porque sen autocoidado non se pode coidar os demais. É importante tamén que sepan que non están soas nesta situación. Ademais traballamos con empresas para a elaboración dos plans de igualdade e temos outros proxectos, sempre coa finalidade de promover e lograr a igualdade entre homes e mulleres.