A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional conta este curso con 617 auxiliares de conversa que prestan apoio no sistema educativo. Os profesionais prestan servizo nas Escolas Oficiais de Idiomas, nos 423 centros educativos de Galicia con modelo plurilingüe integrado polo Plurilingüismo clásico, o PlurInfantil, o PluriBach ou o PluriFP e, nalgúns casos, nos centros con seccións bilingües.

Por idiomas, o sistema educativo galego vai contar este curso con 564 auxiliares de inglés, 28 de francés, 10 de alemán, 7 de portugués, 7 de chinés e 1 de ruso. Os países de procedencia das persoas auxiliares son Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Bulgaria, Canadá, China, Estados Unidos, Federación de Rusia, Filipinas, Francia, Hungría, Irlanda, India, Marrocos, Noruega, Nova Zelandia, os Países Baixos, Portugal, Reino Unido, diferentes países de Oceanía (Fiyi, Illas Salomón, Tonga e Vanuatu), Suecia.

A figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística do seu país de orixe ao alumnado galego. Deste xeito, estas persoas desenvolven un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en linguas estranxeiras. Tamén reforzan o labor docente na compoñente de multiculturalidade.