O equipo do programa Embarcados da Televisión de Galicia (TVG) acudirá hoxe ao porto de Cedeira, que concentra o maior número de volanteiros de toda a Península Ibérica, e subirá ao volanteiro Brisas de Cedeira, unha embarcación con 19 metros de eslora e 6 de manga, para pescar no caladoiro O Bermeo.

O Brisas de Cedeira conta con cinco tripulantes, todos eles de Cedeira. O patrón é Ángel González, quen sabe moito desta arte porque está relacionada co traballo da súa familia desde fai moitas xeracións e, ademais, o seu fillo, Álvaro González, tamén forma parte da tripulación e axuda o seu pai na ponte. O terceiro membro é Toniño Miranda, encargado de vixiar o motor e que a rede se largue ben. Outro tripulante, ademais de mariñeiro, é o cociñeiro que prepara o xantar para o resto do grupo, David Pérez; a súa misión é desmallar o peixe da rede e cociñar. E é certo que os seus compañeiros aprecian moito a comida que el fai. O último compoñente da tripulación, pero non menos importante, é Gorka Hernández, que coida que o aparello non se líe ao subir. Ademais, considérase o mellor mariñeiro madrileño do mundo, xa que naceu en Madrid pero vive en Cedeira desde os once anos. Este afirma que, probablemente, lle guste tanto o mar porque comparte o seu traballo con esta tripulación en concreto.

Moi vinculada ao mar está tamén a historia da vila de Foz, que hoxe recibe a visita de Ribeiras de salitre. Os socios da súa confraría traballan o cerco, as artes menores e o marisqueo a pé, sendo as especies máis capturadas a sardiña, a xarda, o bocareu, o polbo e o ourizo. O programa comezará nas pedras do mar coa mariscadora María Jesús Rivera, presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Foz e a primeira de Galicia en ter o permiso para a recolección do poliqueto en 1999.

Hai mariñeiros que dicir o seu nome é nomear toda a historia do seu porto, como é o caso de Tom Rey, un patrón que forxou a historia do porto de Foz. Aínda que xa leva anos retirado, hoxe vai avivar as lembranzas dos bos tempos na pesca. Outro sabio do mar é Pepe Lestegás, coñecido como Pepe do Relámpago, toda unha vida de paixón mariñeira. Home de mar e motorista de longa experiencia é Suso Rey, que xa comezou a interesarse polos motores desde que comezou a traballar co seu pai e que falará dos distintos motores dos diferentes barcos onde traballou. Outra das protagonistas será Guadalupe Neira, mestra de redeiras que comezou no oficio con 13 anos, cando aínda había que cocer as redes en casca de pino para facelas máis resistentes.