Amosar Galicia dun xeito único, desde os puntos de vista máis abraiantes e inéditos na televisión, con espectaculares imaxes aéreas e recreacións en 3D. Isto é o que seguirá a facer hoxe o programa da TVG Segredos-Desmontando Galicia, que nesta ocasión remexerá nas entrañas da Costa da Morte.

Chea de historias de naufraxios, lendas, correntes, castros, castelos e fervenzas únicas en Europa, este é un lugar idóneo para que Alicia Burton e Diana Nogueira comecen a preguntar e desvelar os segredos que agocha. A lenda da Costa da Morte non fixo máis que medrar ao longo do tempo e Segredos-Desmontando Galicia volverá centos de anos atrás para case tocar os que viviron antes ca nós.

A Costa da Morte ten tanto que contar que ata se falará de loitas de espías e submarinos afundidos. E, o máis importante, os espectadores saberán esta noite de onde vén o seu nome, moi grandilocuente pero pouco tranquilizador.

A nova aposta da TVG para a noite dos luns, que xa puxo patas arriba as cidades de A Coruña e Lugo, trata de descubrir os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural galego desde o punto de vista do entretemento. Con esta proposta innovadora, a Televisión de Galicia axuda a entender os xeitos de vida da nosa terra e a súa evolución sen límites espaciais e temporais grazas ás integracións 3D.

'Zigzag'

Por outra banda, o programa Zigzag comezará a semana recibindo no estudio a Cándido Pazó e Antonio Mourelos, director e actor, respectivamente da montaxe teatral O Electo, estreada esta fin de semana no Fiot de Carballo. A obra amosa a vulnerabilidade dun político que vai ser elixido presidente, pero que xusto antes de dar o seu discurso de investidura sofre un un tic nervioso para o que precisa ser tratado de urxencia por un psiquiatra. A presentadora do programa, Pilar G. Rego, tamén conversará co artista Nelson Quinteiro, que está a presentar o seu novo traballo discográfico, Músicas de domingo.