31 de octubre de 2019
31.10.2019
La Opinión de A Coruña

Lecturas para Samaín

Aquí unha compilación de obras para celebrar 'o noso Halloween', publicadas en galego e en castelán

31.10.2019 | 12:54
Lecturas para Samaín

Que non tes libro para Samaín? Que que poden ler para perder medos nestes días de mortos andantes, pantasmas e cabazas? Velaquí algunhas propostas

"Nos últimos dez anos, os coles, as casas e as rúas de Galicia foron enchéndose dende mediados do mes de outubro duns curiosos habitantes. Cabazas cheas de caras, teas de araña, zombies, vampir@s, bruxas, bruxos e toda sorte de personaxes máis ou menos terroríficos anuncian a proximidade do Samaín". Así o explica a xornalista e creadora do portal 'O Mundo ao Revés', Sonia Hermida.

E engade: a que no seu día foi unha celebración do mundo celta, chegou a EEUU hai centos de anos e rematou sendo a festa de disfraces por antonomasia en medio mundo. Agora, os nenos e as nenas galegos lembran de algunha maneira as tradicións dos seus tataravós pintando cabazas e preparando actividades que nos lembran que o medo tamén ten a súa faceta máis divertida.

"Por iso, tantos nos colexios como nas casas, chega tamén un momento perfecto para animar á lectura a través de títulos que nos falan de monstros, pantasmas ou esquelete. Imos facer un pequeno repaso por algúns dos máis interesantes. Moitos deles, ademais, están editados en galego e en castelán", expresa Hermida, que realizou unha compilación de libros interesantes para estas datas para os máis pequenos.
Libros infantís para morrer coa risa no Samaín (ou Halloween):

"Un, dous, tres, vampiro ti es / Uno, dos tres, vampiro es", de Naddia Budde (tradución de Xosé Ballesteros), editorial Kalandraka
Recomendado a partir de 1 ano

Imaxes de personaxes divertidos e curiosos que enchen o Samaín e rimas que achegan os contidos aos máis pequenos e pequenas.

"Bromas na escuridade / Bromas en la oscuridad", de Daniela Kulot, editorial Kalandraka
Recomendado a partir de 3 anos

Que pasa cando imos durmir fóra e contamos historias de medo? Os medos son parte da nosa vida, non só en Samaín, e abordarlos e xestionalos de forma correcta é imprescindible. Deliciosas ilustracións desta autora que xa é un clásico nas estanterías infantís

"Os esqueletos divertidos / ¡Qué risa de huesos!"
Janet & Allan Ahlberg (ilustración)
Óscar e Sandra Senra Gómez (traducción) , editorial Kalandraka.

Este ano 2019 a editorial lanzou unha edición especial con cuberta que brila na escuridade para as noites de contos máis luminosas.

"Mortiña / Mortina", de Bárbara Cantini
Editados 4 títulos da colección en castelán por editorial La Galera e dous títulos en galego por Hércules Ediciones.

Mortiña é unha nena zombie que quere ter amigos na aldea. Esta saga traducida a 14 idiomas cóntanos as divertidas aventuras desta nena e fálanos de diferencias e igualdade a través das historias máis divertidas.

"Cómo hacerse amigo de un fantasma", de Rebecca Green, editorial Juventud

Deliciosas ilustracións para unha historia de pantasmas e amizade que nos introduce nun mundo marabilloso.

Que debes facer cando coñeces a unha pantasma? Un: ofrécelle alguns dos seus bocados favoritos. Dous: cóntalle á túa pantasma historias de medo para ir durmir (ás pantasmas encántalles que lles lean). Tres: Non deixes que alguén coma a túa pantasma! Hai quen as confunde con comida!

Se segues estes sinxelos pasos e o resto de consellos que se recollen nesta guía aprenderás como cultivar unha amizade que te acompañará toda a túa vida (e incluso no máis alá!).

Libros de actividades

Existe unha ampla proposta de libros de actividades relacionadas co Samaín e Halloween especialmente pensados para os máis pequenos da casa que se divirten contando zombies, unindo puntos para crear unha pantasma ou coloreando as escenas máis terroríficas. Unha da lista máis ampla e interesante é a da editorial Usborne.


"¡Qué miedo!", "Libro de pegatinas de monstruos", "Libro de pegatinas de espanto", "Pásalo de miedo", "Terror en pegatinas"...


*Ata aquí as recomendacións de Sonia Hermida, do espazo dixital 'O Mundo ao Revés'.
Grazas pola compilación, Sonia!!

MÁIS PROPOSTAS

"O noso Samaín", de Loretta Birott Bermejo, é outra proposta para os máis pequenos, por parte da Editorial Galaxia

Benvidos a unha das noites máis especiais do ano. Imos coñecer o Samaín, unha festa chea de maxia, onde case todo pode acontecer.

O Noso Samaín, non o Halloween€esa é a premisa que moveu a Loretta Birott e á Editorial Galaxia a apostar por este fermoso álbum ilustrado por Nuria Valdeón: explicarlle ás nenas e nenos a fecunda tradición galega relacionada co nacemento do outono e crenzas que veñen de hai moitísimos séculos, tantos como ten o noso pobo milenario. A tradición dos calacús, do contacto entre os mortos e os vivos é tamén galega, chamada Samaín. Unha xeitosa maneira de achegarse a esta tradición nun relato sinxelo, poético e cargado de historias.

E PARA UN POUCO MÁIS MAIORES...

Os libros da autora viguesa Ledicia Costas son ideais para estas datas... (Editorial Xerais)
"Esmeraldina, a pequena defunta", con ilustracións de Víctor Rivas, é un deles

Unha pequena pista... "O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena.

A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade. Para iso contará coa axuda de Lady Horreur, unha peculiar araña francesa que se converterá na mellor mestra e amiga, e Nicotina, unha vaqueira que teima en levala ao seu novo fogar: o Alén Mundo".

O Libro de Receitas da Tremenda acompaña esta historia de medo e humor macabro, converténdoa no petisco perfecto para degustar antes ou despois de ler "Escarlatina, a cociñeira defunta". Tampouco nos podemos esquecer de "Os arquivos secretos de Escarlatina", da mesma autora.

"Estrelecer", de Carlos Labraña, é outra das apostas (Editorial Galaxia)
Nun mundo onde as rapazas poidan ser libres

Un grupo de amigas atópanse pola noite nunha casa especial. Semella que nela non habita ninguén. Pero hai unha estraña muller que parece que trae a morte con ela.

Carlos Labraña, un dos nosos escritores de teatro máis importantes, entréganos unha historia negra onde nada é o que parece: en realidade, todo é moito peor do que parece. Unha historia de medo, en que cada sombra agocha unha pregunta.

PARA LER SEN DEIXAR DE RESPIRAR

"O enigma de Caronte", de Carlos Vila Sexto, tamén consta nesta listaxe. (Editorial Galaxia)
Unha gran novela chea de intriga dende a primeira páxina.

O último verán que Dani e os seus amigos van pasar xuntos en Cabo Lázaro vén marcado pola morte accidental de Marcos, un compañeiro de clase. Pero as sospeitas iniciais de Dani de que talvez se atopen fronte a un asasinato vénse reforzadas cando este descobre unha misteriosa mensaxe que o seu amigo lle deixou antes de morrer, e que os sitúa sobre a pista dun tesouro agacahado nalgún lugar da pequena vila costeira. Non son conscientes de que alguén segue os seus pasos, un inquietante forasteiro que pode ser o asasino de Marcos e que non dubidará en apartar os rapaces do seu camiño do xeito que sexa. Pero a misteriosa identidade deste home non é o único segredo que ameaza Cabo Lázaro, e a morte de Marcos non é o único crime que deberán desentrañar€

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.