Comenzou a escribir na súa adolescencia e publicou o seu primeiro libro, Entre lusco e fusco, no ano 1979, obra coa que recibiu o Premio Esquío. Licenciada en Filoloxía Galega-Portuguesa, a coruñesa Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) compaxinou sempre a súa labor de docente coa de escritora pola que recibiu distintos galardóns. O´último, o Premio Nacional de Poesía por Tempo fósil, obra pola que xa levara o Premio da Crítica en 2018.

Como se sente tras recibir este galardón?

Fundamentalmente sorprendida. Estaba comunicando cando me chamou o meu editor, Antón Lopo, para darme a nova e non pensei nesto. Como andamos a preparar un traballo sobre Carvalho Calero pensei que sería por iso.

Por que cre que o levou con esta obra?

Non sei como van estos procesos, pero sorpréndeme que sexa con esta obra porque era un libro co que eu andaba pero que non pensaba publicar ata que me chamaron de Chan da Pólvora.

Por que? É un libro máis íntimo que outros?

Hai críticos e escritores que aseguran que esta é a miña obra máis íntima, non o sei, pero si que ten que ver con circunstancias profundas dunha persoa. Tiña moitas dúbidas con esta obra porque é moi espida, é un libro que, entre aspas, podemos calificar de pouco literario. Por iso estou sorprendida de que moitos lectores se identifiquen con él e dos recoñecementos.

Será un orgullo recibir un premio nacional por unha obra escrita en galego...

Si estou moi orgullosa porque é un recoñecemento a poesía e o idioma. Creo que pode ser un pulo para a poesía galega, para os autores. Xa hai autores do Estado que son defensores da poesía en galego, pero isto pode axudar.

Como é a situación da poesía galega?

Hai moitos poetas galegos e non se trata xa de tradición ou de autores máis maiores senón que hai moitos novos que fan poesía en lingua galega. Ademais hai unha grande presenza de mulleres, algo que non pasa noutras linguas.

Falta máis visibilidade?

Como dixen hai poetas do Estado que son grandes defensores da nosa poesía, pero sí é certo que cando nos medios, por exemplo, se fai unha guía con recomendacións de libros, a literatura galega non aparece. Séguese a centrarse únicamente na literatura española ou a que é traducida a este idioma.

Parece que gracias as redes sociais e internet, hai máis mozos que se achegan a poesía que hai anos, nota vostede este aumento de público xuvenil?

Non sei realmente se hai máis lectores de poesía entre os xóvenes, pero fun profesora de instituto durante anos e é certo que a poesía ten pouca presenza no ensino. E ten pouca presenza porque hai moitos prexuízos sobre que non vai interesar os rapaces, que non len poesía, etc. e pode ser xusto ao revés porque na adolescencia é cando é máis frecuente que se escriba poesía antes que outros xéneros. Pero isto tamén ten o seu reverso positivo porque mentres certa narrativa tivo que adaptarse para ter cabida no ensino, a poesía foi máis libre.