O programa Ribeiras de salitre da Televisión de Galicia (TVG) visita hoxe Celeiro, en Lugo, un dos portos máis destacados de Europa, onde ten a súa base a maior frota palangreira que faena no Gran Sol. Experiencia neste banco pesqueiro ten Arantxa Toriza, unha das poucas mulleres que exercen de patrón de altura en Galicia, que en breve sairá pescar nas illas Malvinas.

No porto de Celeiro ten tamén a súa base o helicóptero de salvamento Pesca 2. Un dos seus comandantes, Carlos Ferreira, contará como levan o traballo, moi arriscado e cun alto compoñente anímico. O programa tamén falará co rescatador Daniel Rey, que explicará como enfronta a realidade dun naufraxio, onde das súas decisións poden depender as vidas dos mariñeiros.

O espazo da Televisión de Galicia (TVG) tamén se achegará ao centro neurálxico deste porto, a súa lonxa, onde X.H. Rivadulla Corcón falará con Franciso Lage Kiko, que pertence á terceira xeración dunha familia dedicada ao peixe.

Unha das características históricas de Celeiro está no traballo que se desenvolveu nas factorías de conservas. Quen viviu a época boa da conserva neste porto, traballando durante máis de dúas décadas no oficio, foi Carmen Fernández, que lembrará a súa experiencia no sector.

Outro dos protagonistas do programa desta tarde será Vicente Míguez, un mestre que perdeu o seu pai no mar e que agora verte os seus coñecementos en libros que falan sempre do mar. Con el, o equipo de Ribeiras de salitre falará da importancia social do mar para a vila de Celeiro e para o concello de Viveiro en xeral.

Como é habitual, a gastronomía e a música terán o seu lugar no programa, cun xantar con Manuel Luís Rodríguez, cociñeiro en barcos, e coa actuación de David Bellas, un dos maiores virtuosos da gaita do mundo.