A escritora Moncha Fuentes, o proxecto satélite Lume-1, o Festival de Poesía do Condado, o músico Xan Carballal, a artista Soledad Penalta, a bailarina e coreógrafa Rut Balbís, a chef Lucía Freitas e a serie Fariña foron declarados onte gañadores nas súas respectivas categorías dos XLII Premios da Crítica de Galicia, dados a coñecer nun acto no auditorio do Centro Social Afundación, en Vigo.

"Teñamos o valor de darnos o futuro" foi o lema da gala, que foi presentada pola xornalista Noelia Otero e congregou a trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural de Galicia, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carlos López Font, vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Cesáreo Sánchez iglesias, presidente da AELG, entre outras. O presidente da Asociación Premios da Crítica Galicia, Bieito Ledo, defendeu a Galicia como un lugar de encontro cosmopolita, universal, orixinal e ascendente.

Moncha Fuentes foi declarada gañadora na categoría de Creación Literaria coa obra O mar que nos leva, coa que se impuxo ao outro finalista, Antón Reixa coa súa obra Michigan, acaso Michigan. O xurado destacou do libro gañador "o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa" e que se convirte "na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha abraiante madureza narrativa".

O proyecto satélite Lume-1, liderado por Fernando Aguado, alzouse co Premio de Investigación da Universidade de Vigo "por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país coo o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo".

O Premio de Iniciativas Culturais e Científicas foi para Festival de Poesía do Condado, polo seu "traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción na contorna".

Xan Carballal levou o Premio de Música pola súa "traxectoria longa e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural, e moitos dos cales están hoxe en importantes formacións".

O xurado salientou de Soledad Penalta, Premio de Artes Plásticas, "a súa longa traxectoria e coherencia e, ao mesmo tempo, a capacidade de investigación con novos materiais, cos que acada unha linguaxe propia, introducindo dun xeito novidosas caligrafías nunha constante renovación iconográfica e conceptual".

O Premio de Artes Escénicas foi concedido a Rut Balbís polo seu "impecable e incansable" traballo como bailarina e coreógrafa e tamén pola súa "polo seu constante labor para dignificar e visibilizar a danza en Galicia".

A serie de televisión Fariña alzouse como gañadora do Premio de Cine e Artes Audiovisuais tanto pola "calidade" na producción como polo "considerable esforzo da produtora en apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galicia no mapa audiovisual internacional".

E Lucía Freitas, chef Estrela Michelin, foi proclamada vencedora do Premio de Cultura gastronómica polo seu "papel como empresaria da restauración e a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia".