Un total de 79 centros galegos desenvolven ao longo do curso 2019-20 a Biblioteca Creativa, iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación.

A actividade forma parte do Plan LÍA, que ten, entre outros, o desafío de crear nas bibliotecas un centro creativo de aprendizaxes no que o alumnado poda experimentar e investigar con todo tipo de ferramentas e recursos.

Así mesmo, entre os retos do LÍA está o de favorecer a alfabetización múltiple, neste caso a través da introdución nas bibliotecas da linguaxe da programación e da cultura maker (faino por ti mesmo) en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, o razoamento lóxico, a creatividade, o traballo colaborativo e a aprendizaxe manipulativa.

Este curso sumáronse á iniciativa 25 novos centros, que recibiron os materiais necesarios para a construción dun mínimo de catro Escornabots, pequenos robots construídos sobre Arduino, a plataforma de robótica máis estendida a nivel educativo e profesional. Os outros 54 centros recibiron una asignación para ampliar o proxecto e os coñecementos do alumnado.