A ollada mariña dos homes e mulleres de Laxe será protagonista hoxe no programa Ribeiras de salitre da Televisión de Galicia (TVG) que se achegará a unha confraría que conta con 140 asociados traballando as vetas, os miños, os trasmallos, as nasas e tamén o percebe. Laxe rexistra tamén cunha importante actividade na lonxa, a onde chegan compradores de toda Galicia.

O equipo do programa estará nas rochas cun percebeiro moi especial, Raúl Villar, que ama o mundo mariño, e na lonxa con Pepelú, que explicará o segredo do seu traballo: esforzarse cada día e lograr un equilibrio entre que os mariñeiros gañen o máis posible e os compradores queden tamén contentos.

O presentador de Ribeiras de salitre, X.H. Rivadulla Corcón, tamén falará coa peixeira ambulante Carmen Arnosi e coa mariñeira e percebeira Sonia Campaña. Outro dos protagonistas do programa deste domingo será Perfecto Devesa, un dos lobos de mar desta costa, cunha longa experiencia en mares e oficios ben distintos.

'Zigzag'

Por outra banda, a presentadora do espazo cultural Zigzag, tamén na canle pública galega, María Solar, conversará hoxe cos membros do grupo vigués Moon Cresta, resultado de sumar o esforzo, destreza, creatividade e entrega de catro músicos baixo o emblema do power & funk.

A banda está a presentar o seu novo disco, Civil Fuzz Brigade. Os once cortes deste álbum combinan con gran personalidade a inventiva do rock dos anos 70 coa enerxía e contundencia dos 90. Este cuarto álbum chega tras dúas décadas de traballo que ten a súa mellor versión sobre os escenarios.