Os que pasean preto da Torre de Hércules, os que naceron ao carón da muralla de Lugo, os que teñen cruzado centos de veces a ponte de Rande, os que sempre lles chamou a atención a torre das Pontes... Sexan de onde sexan, os espectadores da Televisión de Galicia (TVG) saberán hoxe, no programa especial Desmontando a túa cidade, como naceron algunhas das construcións e lugares máis coñecidos de Galicia.

Para coñecer de preto estes lugares, que mellor que desmontalos? A TVG converteraos en pezas coas que xogar, apartando unhas, baixando outras, para que a audiencia descubra como se crearon e como foron mudando co tempo paisaxes moi coñecidas.

Desde as grandes infraestruturas ao patrimonio natural, o programa desvelará todos os segredos das cidades da Coruña, Lugo e Ourense, da ponte de Rande e das comarcas do Eume e da Costa da Morte. Ademais, como mostra do programa da semana que vén de Segredo-Desmontando Galicia, amosarase como era nos seus inicios e como é na actualidade o edificio máis visitado de Galicia: a catedral de Santiago.

'A Revista'

Por outra banda, hoxe é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e o equipo de A Revista da TVG estará en institutos galegos onde se imparte a materia Igualdade de Xénero. No estudio de gravación contará coa presenza de Concha Rodríguez, psicóloga experta en terapia con vítimas de violencia de xénero, que falará das secuelas e dos tratamentos que se fan con estas vítimas.

Por outra parte, o magazine da TVG falará do Nadal. Estámonos achegando a esa época do ano en que, vaiamos por onde vaiamos, vemos adornos de Nadal nas rúas dalgunhas cidades, nos centros comerciais, nas tendas, nas casas, etc. O programa estará en directo nun establecemento onde se venden adornos típicos desta época para saber cales son as tendencias deste 2019 e o que máis merca a xente. No estudio de gravación estarán presentes a fotógrafa e deseñadora Teresa Abalde e Marcos Mosquera, artesán reposteiro e bomboneiro.