Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019, segundo deu a coñecer onte a Consellería de Cultura.

Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Máis concretamente, a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo; a académica numeraria e tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana; a xefa do servizo técnico-xurídico da Subdirección Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Patricia Fernández López; a produtora audiovisual, Mamen Quintas; o exdirector do CGAI-Filmoteca de Galicia, Guillermo Escrigas; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Saco e o presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón, celebrouse na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión Económica e Recursos Humanos da Consellería de Cultura e Turismo, Cristina Fabeiro.