Centos de persoas secundaron as mobilización convocadas pola plataforma Queremos Galego nas sete principais cidades para esixir á Xunta que cumpra as recomendacións do Consello de Europa e anule as limitacións ao ensino en lingua galega do "decreto do idioma". Na Coruña, foron arredor de medio centenar as persoas que se movilizaron para denunciar a situación de "emerxencia lingüística" da língua galega, constatada no último informe sobre o grao de cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, que alertaba, entre outras cuestións, da caída de falantes, do sistema educativo e a necesidade de reforzar as medidas para garantir os dereitos dos galegofalantes.

Coa lema Emerxencia lingüística. Precisamos do galego, a plataforma concentrouse simultaneamente, a partir das 20.00 horas, na Coruña (Obelisco), en Santiago (Praza do Toural), en Ferrol (Praza Amada García), en Lugo e en Ourense (Praza Maior), en Pontevedra (Praza da Peregrina) e en Vigo (Praza da Princesa).

"A evolución dos datos de uso e coñecemento do galego son alarmantes", denunciou o portavoz da plataforma e presidente da Mesa, Marcos Maceira, quen instou á Xunta a derrogar "o decreto contra o galego" ante esta situación e a incentivar o idioma "para o desenvolvemento cultural, social, económico e humano de Galicia".

As protestas chegaron tan só un día despois de que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, defendese, o mércores, o traballo en materia lingüística levado a cabo polo Goberno galego e que conseguiu que se fale "máis galego que fai cinco anos". Rodríguez restou importancia ao último informe do comité de expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento dos compromisos do Goberno respecto a a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas que recomendou eliminar das "limitacións" existentes e subliñou que non ten "en conta os datos que acaba de publicar o IGE". Ademais, o titular de Cultuta lembrou que este informe "as principais recomendacións faias ao Goberno do Estado".

Para o conselleiro, a política lingüística da Xunta demostrou estar "no centro" cun "equilibrio" entre as linguas oficiais como demostra que "sexa atacada por un extremo e por outro" xa que uns acusan ao Goberno de impoñer o galego e outros de esixir o castelán. "Estamos no centro e o galego é a lingua cooficial que máis se usa en toda España", remarcou Rodríguez.