O vindeiro 17 de maio a Real Academia Galega (RAG) celebrará o Día das Letras Galegas que lle dedicará a Ricardo Carballo [Carvalho] Calero en Ferrol, a cidade onde naceu, pero o ano dedicado á súa figura e ao seu legado xa botou a andar na web da institución, academia.gal. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriuno a semana pasada cunha tribuna dedicada a quen é "un dos intelectuais máis sobranceiros da Galicia contemporánea, crónica viva do galeguismo dende os anos do Seminario de Estudos Galegos", e dende onte tamén está dispoñible en academia.gal, o espazo biográfico dedicado ao homenaxeado.

O académico de número e secretario da institución, Henrique Monteagudo, asina a sección dedicada a quen é "unha das personalidades máis importantes da cultura galega do século XX, en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega, polo maxisterio que exerceu como primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galegas e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego". "A defensa e ilustración da lingua galega son móbiles centrais da ideoloxía, da obra e do compromiso público do autor", resume o biógrafo.

A sección dedicada a Ricardo Carballo Calero, dispoñible en https://academia.gal/letras-actual, completarase con novas, reportaxes, entrevistas e artigos que se publicarán ao longo dos vindeiros meses na web da RAG arredor do protagonista. Tamén na Rede, a Academia activará no mes de febreiro a nova edición do proxecto Primavera das Letras, con contidos lúdicos e didácticos para achegar a súa personalidade ao alumnado de infantil e primaria.

A celebración do Ano Carballo Calero continuará á volta do verán cun simposio que permitirá afondar dende a perspectiva académica en distintos aspectos da súa obra e do tempo histórico que lle tocou vivir. A comisión executiva da RAG conversou sobre estas e outras iniciativas previstas ao longo de 2020 para divulgar o legado do homenaxeado coa súa filla María Victoria Carballo Calero, nunha xuntanza mantida o pasado venres na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.

A traxectoria vital de Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990) está fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio.

Na súa extensa produción destacan os seus estudos sobre a literatura, que con frecuencia atravesan as fronteiras entre os xéneros didáctico e ensaístico. Entre as súas contribucións á historiografía literaria sobresae o ambicioso esforzo de sistematización das nosas letras plasmado na Historia da literatura galega contemporánea, obra fundacional dos estudos literarios galegos. Carballo Calero é ademais autor da Gramática elemental del gallego común, manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega.