Ata un total de 2.700 alumnos e alumnas das ensinanzas plurilingües de Galicia poderán acreditar o seu nivel de coñecemento lingüístico en lingua inglesa de acordo cos niveis B1, B2 e C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Esta é a segunda convocatoria mediante a que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional habilita un procedemento deste tipo para que todos os estudantes que finalizan os seus estudos da etapa de ESO, Bacharelato ou de Formación Profesional nalgún dos 423 centros que forman parte da Rede de Centros Plurilingües teñan a posibilidade de acreditar o seu nivel neste idioma estranxeiro a través dunhas probas que son totalmente gratuítas para as familias. Como novidades este ano inclúese a maiores a certificación do nivel C1, para quen xa teñan certificado o B2.

Os exames escritos realizaranse o día 15 de febreiro, mentres que os orais terán lugar entre o 10 e o 14 e o 17 e 21 de febreiro. Achégase así un valor engadido ao esforzo no desenvolvemento do programa por parte dos centros, e supón unha importante oportunidade para o alumando e as súas familias, que teñen a posibilidade de obter de balde unha acreditación da aprendizaxe en lingua estranxeira co aval dunha entidade certificadora de recoñecido prestixio como é o Trinity College.