Probablemente, Amador Arias, garda forestal de profesión, nunca imaxinou que un dos asentos da gala dos Goya levaría o seu nome. O que arde, de Óliver Laxe, deulle a oportunidade de probar as súas dotes ao outro lado da pantalla. O filme abre hoxe ás 20.30 horas no teatro Colón a Semana do Cinema Galego, con Amador Arias como participante no primeiro dos coloquios.

Inaugura con O que arde a semana do Cinema Galego. Era cinéfilo antes do éxito ou todo isto vén de xeito insólito?

Antes de dedicarme ao cine en serio, fun sempre moi cinéfilo. Non podo atopar unha película que non vira, vexo cine todos os días. De sempre. O éxito colleunos por sorpresa, pensabamos que podiamos estar en Cannes e nalgún outro festival, pero en tantos... a verdade é que non.

Foi esta paixón previa a que o levou a probar sorte ao outro lado da pantalla?

Foi por Óliver Laxe. Oíra falar moi ben del, apunteime no casting para o último día, polo menos para falar algo con el, quedábame a 30 kilómetros da casa. Parecía que estaba esperando por min. Gracias a el, aquí estamos agora todos.

Óliver Laxe soubo, nada máis velo, que tiña diante ao escollido. Que viu en Amador Arias da personaxe que el escribira?

Os tempos, e o feito de estar súper habitado polo mundo. El dicía que tanto Benedicta coma min estamos moi habitados polo mundo, temos moitas vivencias relacionadas co campo, os dous andamos polo mundo, temos outra forma de estar no mundo.

Traballou como garda forestal. Unha conexión coa natureza que agranda, máis se cabe, a súa conexión co narrado no filme.

Para min os incendios son terrorismo puro. A película retrata o lume como cultura, como calor, como calefacción, sale da cociña.. Pode utilizarse como arma contra o lume, pero é moi perigoso. Cando hai un incendio xigante veste forzado a pór lume contra lume, pero tes que sacrificar a vida que hai entre ambos lumes. Sabes que non vai ter escapatoria, é unha decisión forte.

A súa personaxe, porén, consegue levar ao espectador a empatizar cun presunto pirómano. É iso posible?

Os xestos do pirómano, as caras... eu vin moitos pirómanos detidos, que cando volven tras tres anos ou catro en prisión, volven marcados. Quedan tan marcados que andan solos, sen amigos. Aínda que non sexa unha mofa moi despectiva, insúltanos moito.

Axuda o éxito de O que arde a concienciar á colectividade sobre a realidade do rural galego?

Si. Fálase moito, por todos os lados. A xente toma conciencia, discútese moito sobre o lume. En Asturias tivemos un pase pequeno, e, no debate do final, había gandeiros, xente da administración, de todos os sectores. Nesas zonas, o lume é unha ferramenta de traballo para os gandeiros cando limpan os montes. Uns acúsanse, outros deféndense, pero ninguén insulta. Todos os que debatemos somos culpables, en certo xeito. Ninguén quere asumir esa culpa.

O seu nome é tamén o da súa personaxe. Que hai de Amador Coro en Amador Arias?

Deixamos Amador e Benedicta porque Amador é o que ama, e Benedicta é a bendecida. Ama a natureza, os animais. Filmamos de xeito que non quedara claro se Amador era ou non culpable, a intención era facer reflexionar a todos, que nos sentísemos culpables. Se nos analizamos, somos culpables todos. Cando hai lumes, hai máis culpables que o pirómano. O meu pai era garda, e lembro que nos 80 foi cando empezaron os montes a queimarse, a xente empezou a perder o medo. Un incendio levaba a outro, uns por vinganza, outros porque tiñan máis metros ca os veciños... Arderon nun ano unas 20.000 hectáreas. O garda que estaba caeu nunha depresión e nunca se recuperou.

O que arde puxo no mapa aos actores non profesionais. Síntese cómodo coa denominación?

Non me sinto molesto. Síntome co traballo ben feito, se dan premios e recoñecen, a xente que leva 40 anos no cine chámate polo nome e abrázate, recoñécente como actor. Non pasa nada.

O Goya a Benedicta foi moi celebrado, mais tamén obtivo certa crítica pola idade da premiada. Como recibiron esas queixas?

Os Goya son un conxunto. A min este ano gustáronme, porque o actor revelación era un rapaz novo, e alégrome moitísimo. A xente votou a Benedicta, non podes facer nada. Ten que haber un recoñecemento tamén para as persoas maiores, ás veces non puido ser antes e non houbo oportunidade. Banderas ten o de honra, pero ata este ano non o tivo pola súa actuación, penso que non se pode esperar tanto. A mellor actriz de reparto é maior que Benedicta. Está moi ben.

Recibiu máis ofertas para seguir actuando?

Teño un proxecto dun casting. Penso que me queren castigar, todo o que non falei en O que arde, aquí teño que multiplicalo por cen. Se me collen, volveremos a estar nos Goya.