A Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá esta noite, en directo, desde o Lalín Arena, a Gala de Gastronomía de Galicia, coñecida popularmente como a Gala do Cocido, un dos actos destacados dunha cita culinaria que este domingo celebra a súa 52ª edición.

No transcurso desta edición especial do programa Luar, presentada por Xosé Ramón Gayoso, Beatriz Serén e Patricia Fernández Santana, entregaranse os Premios de Gastronomía de Galicia e o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que recoñecen profesionais e empresas do mundo da gastronomía e máis os mellores traballos de difusión neste ámbito.

Ademais, a velada da Televisión de Galicia (TVG) deparará un grande espectáculo musical, cunha ampla nómina de artistas, en que figuran intérpretes tan populares como a coruñesa Luz Casal e Bertín Osborne e grupos que acreditan unha contrastada traxectoria no campo da música tradicional, como é o caso de Treixadura e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

Polo escenario tamén pasarán a cantante estremeña de pop-dance Soraya, que interpretará algúns dos seus últimos éxitos; o grupo Efecto Mariposa, que popularizou ao longo da súa carreira cancións como Por quererte ou No me crees, e o produtor e cantante ferrolán Carlos Jean.

Os máis novos poderán gozar coas actuacións de dous dos participantes da edición de 2017 de Operación Triunfo: o compostelán Roi Méndez e o mallorquino Ricky Merino. As mellores orquestras do país tamén están convidadas nesta noite tan especial na canle autonómica, coa presenza das orquestras Compostela e Ciclomanía.

Ademais, as agrupacións musicais de Lalín terán un protagonismo destacado nesta edición da Gala do Cocido, que ofrecerá as actuacións da escola de danza Scene Ballet, do grupo de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio, do grupo dezano De Perdidos al Trío, que interpreta clásicos populares, e da formación Son Lalín, que interpretará a famosa Muiñeira de Chantada.