A coruñesa Rosalía López tivo que restablecer a súa vida en 2013, tras sufrir unha lesión medular que a obrigou a ter que se desprazar en cadeira de rodas. "Tiña 33 anos, era fisioterapeuta e, curiosamente, sempre traballara con persoas con discapacidade. Polo tanto, non me era allea, pero a visión que tiña dela era dende un punto de vista totalmente diferente. Pensaba que sabía moito, e si que tiña máis conciencia de moitas cousas que outra xente, pero nada que ver con vivilo nas túas propias carnes", explica López, quen recoñece que "é entón cando te topas coa realidade de fronte, e con moitas cousas que cres que poden ser mellorables". "Trátase unha loita diaria que esgota", sinala.

Case dende o mesmo momento en que sufriu a lesión medular, Rosalía López entrou a formar parte do movemento asociativo, primeiro na asociación de mulleres con discapacidade Acadar „da que é vocal„ e, posteriormente, no Grupo de Personas con Discapacidade da Coruña (Grumico), do cal é vicepresidenta. Como representante desta entidade, pero sobre todo como afectada, reivindica a accesibilidade como un dereito "fundamental" para que as persoas con discapacidade poidan ter "unha vida plena, como o resto da xente". "Eu, por exemplo, teño unha filla, e como nai, en cadeira de rodas non podo ir a moitos sitios. Unha vez fun ver o festival de música escolar da miña filla e non puiden pasar porque o ascensor non funcionaba, e mesmo cheguei a ter que facer titorías na porta do colexio", sinala esta coruñesa, quen lamenta a "falta de vontade política" con respecto a esta cuestión. "España é un país bastante avanzado en canto a propostas lexislativas. O problema é que non se cumpren. A teoría está aí, pero non se leva á práctica", remarca, e insiste: "A accesibilidade é fundamental para que as persoas con discapacidade poidamos participar en todos os ámbitos. Senón estamos condenadas a non poder estar en sitios onde quixeramos é onde temos dereito a estar, como calquera outra persoa".

A vicepresidenta de Grumico asegura, ademais, que as mulleres con discapacidade sofren unha "dobre discriminación". "De súpeto, vólvesche invisible e a xente empézache a tratar coma se foses unha nena. Eu cheguei á conclusión de que era mellor ir soa ás consultas médicas, porque quedei farta de que se, por exemplo, ía con meu home, lle falasen a el. Mesmo doutores que me coñecían de antes. Tamén me pasou indo de compras con miña irmá ou con amigas. Polas tallas, por todo, adoitan preguntarlles a elas. Non sei moi ben se é por falta de concienciación ou porque a xente non sabe como actuar, pero deixan de dirixirse a ti e danlles as pautas ás persoas que van contigo. É moi humillante", subliña.

Xunto coa invisibilización, Rosalía López denuncia que as mulleres con discapacidade tenden a ser vistas como "seres asexuados, e mesmo incapaces de exercer a maternidade". "Tampouco temos acceso a moitos recursos sanitarios; no ámbito obstétrico/xinecolóxico, non están adaptados. Hai moitas mulleres con movilidade reducida que non poder ir as revisións xinecolóxicas porque as consultas non están adaptadas, que non se poden facer mamografías... Ademáis, seguen a facerse prácticas que son aberrantes, como as esterilizacións forzosas no caso das mulleres con discapacidade intelectual... Queda moito que pelexar neste sentido", sinala.

Outra das reivindicacións na que a vicepresidenta de Grumico fai especial fincapé é na "falta de coordinación entre a sanidade é os servizos sociais". "Tanto se a discapacidade é sobrevinda, como se naces con ela, precisas que o sistema sanitario e o dos servizos sociais estean coordinados, cunha historia única e un profesional de referencia para o teu caso. Pero isto non se está a facer así. Cando recibes a alta no hospital e marchas para casa, ninguén che pregunta se tes o teu domicilio adaptado, que vas facer coa túa filla, de que vas vivir, de que axudas podes dispor... E ti non sabes por onde empezar nin onde ir... Vas dando tumbos dun sitio para outro. Eu polo meu traballo como fisioterapeuta sabía que as asociacións estaban aí, pero moita xente non ten nin idea de que poden dirixirse a elas. E, ao final, son estas entidades as que están a facer unha labor que lles correspondería ás administracións, e estas nin sequera lles achegan suficientes recursos para levala a cabo", destaca, e chama a atención sobre unha realidade alarmante: a do empobrecemento do colectivo. "En Grumico o estamos a ver: cada vez asóciase xente con menos recursos, que teñen que facer verdadeiros malabares para sobrevivir, porque a discapacidade encarece moitisimo a vida. Hai persoas con discapacidade en situación de extrema pobreza", afirma López.