Para conmemorar o seu 30 aniversario, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) está a impulsar a campaña 12 chaves da inclusión, que busca concienciar e sensibilizar sobre diferentes dereitos fundamentais "que non sempre se cumpren". A iniciativa consiste nunha ducia de pezas audiovisuais que xa se están a mover nas redes sociais, cada unha delas sobre un dereito. A primeira delas dedicouse á educación inclusiva, e a deste mes céntrase na autonomía persoal, temática á que seguirán outras como a muller, o emprego, a economía social, a accesibilidade, voluntariado, turismo lecer e deporte, ou a infancia. Ámbitos, todos eles, "vinculados á transversalidade" que "debe marcar as políticas dirixidas á discapacidade", destaca o presidente de Cogami, Anxo Queiruga.

O vindeiro mes de xuño, ademáis, a confederación celebrará no Pazo de Congresos de Santiago o seu gran encontro anual. Unha cita que reunirá a máis dun milleiro de persoas do movemento asociativo e a representantes das administracións, e que estará "moi vinculada ao Xacobeo". "A idea é que arredor de 350 persoas con discapacidade percorran os últimos cinco kilómetros de cada unha das rutas do Camiño, para acabar reuníndose na Praza do Obradoiro. A continuación, farase un mural no Pazo de Congresos coas anécdotas desa experiencia, e entregaranse os premios Cogami", avanza Queiruga.