A Televisión de Galicia (TVG) comeza esta noite, tras a estrea de Come a comarca, a emisión da serie Auga Seca, un trepidante thriller de seis capítulos, coproducido pola TVG e a RTP (Rádio e Televisão de Portugal). Unha historia cargada de xiros e sorpresas que ten como escenarios as cidades de Vigo e Lisboa e que recolle o universo do tráfico de armas e a súa conexión co mundo empresarial.

A produción de Auga Seca correu a cargo da empresa galega Portocabo, responsable de series como Luci e Vidago Palace, esta última, tamén coprodución galego-portuguesa, e contou coa colaboración da empresa lisboeta Sp-i, a produtora de televisión máis importante de Portugal.

A serie, dirixida por Toño López, ten como protagonistas os actores galegos Monti Castiñeiras, que interpreta a Mauro, un empresario relacionado co tráfico de armas; Sergio Pazos, que fai de Viñas, xefe da unidade policial encargada de crimes violentos en Vigo, e a actriz portuguesa Victoria Guerra, que interpreta a Teresa, afillada de Mauro. Nada é o que semella en Auga Seca, que seguirá a Teresa na que sen dúbida é a decisión máis arriscada da súa vida: infiltrarse nunha organización criminal para vingar a morte do seu irmán.

Auga Seca comeza cando un rapaz portugués, Paulo Duarte, aparece morto no porto de Vigo. Aparentemente trátase dun suicidio, pero ninguén na súa contorna consegue entender por que o fixo. Nin a súa irmá Teresa, que viaxa a Vigo desde Lisboa, nin o padriño de esta, Mauro Galdón, un importante empresario vigués propietario da operadora loxística onde traballaba Paulo e ao que súa a morte vai afectarlle máis do que lle gustaría.

No será a única novidade de hoxe na grella da TVG, que tamén estrea Come a comarca, un formato de docushow e concurso gastronómico de comida tradicional.

Cada semana, o equipo de cociñeiros do programa, presentado por Fran Cañotas, trasladarase a unha comarca distinta para enfrontarse nun concurso popular aos mellores cociñeiros da zona preparando os pratos típicos da comarca. Na estrea, visitará a comarca de Bergantiños.