Logo de pasear pola Ribeira Sacra co seu último traballo, Luar na Lubre volve mirar a Santiago con Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos. O álbum, un compendio de lendas das distintas vertentes da ruta á Compostela, presenta hoxe os seus dous primeiros adiantos, con vistas a amosar o resto -se o Covid-19 o permite- antes do verán.

Preparándose xa para o Xacobeo?

En certa medida, si. Deuse o caso de que coincide, pero para nós o Xacobeo é algo atemporal. Todos os anos o que temos que promocionar é un tipo de música que desgraciadamente non soa nos medios, e temos que defendela. Esta era unha conta pendente, porque consideramos que somos parte da banda sonora do Camiño.

Fai dez anos, con Solsticio

Solsticio efectivamente tiña músicas relacionadas co Camiño, e Hai un paraíso ten esa canción da chegada dos peregrinos ata os confíns da terra. É certo que, si te pos a rebuscar na nosa discografía, en case todos os discos aparecen cantigas relacionadas co ciclo carolinxio, bretón, artúrico... Hai moitísima literatura musicada e nós o que fixemos foi darlle vida.

Ata onde chega a maxia da escrita sobre Compostela?

Hai historias que son fantásticas. Os vieiros, eses primeiros camiños que os peregrinos ían trazando, teñen moitas lendas detrás. Unha é a de Mártiros, un armenio que chegou a Compostela e logo marchou a Fisterra. Nese percorrido atopouse cunha besta maligna a que lle chamou vákner e que contamos en Mártiros e o vákner... O outro dos adiantos ( Benvido) é unha especie de benvida que lle quixemos dar aos que chegan e que está cantando por Miguel Ríos.

Un granadino cantándolle a Galicia?

É a gran sorpresa (ri). Pero cantouno como se fora un galego máis. Desde o minuto un dixo que para adiante e quedou con moita forza. É o punto de partida para introducirnos en cancións máis profundas que falan de lendas que moita xente non coñece.

Ignoramos o noso?

Si, eu creo que non somos conscientes do que significa o Camiño en si e de todas as historias humanas que encerra. Non temos moita idea do significado de todo ese patrimonio. Por iso temos que facer que estas historias sigan para adiante, e que a xente coñeza o traballo que estivemos facendo.

Agora, coa pandemia do Covid-19, periga ese traballo?

Periga o mundo en si (risas). Nós consideramos pospoñer a presentación, pero logo pensamos que temos que continuar. Estamos nunha situación moi estraña que veremos a ver en que desemboca, porén, mentres tanto non podes parar de facer. Isto non deixa de ser unha especie de traballo telemático para alegrarlle un pouco a vida á xente.

O seu fillo pensa igual. Está tamén a piques de lanzar disco con Dequenvessendo

(Ri) Si, eles están tamén no proceso de rematar o traballo, aínda que o teñen máis complicado. A nosa maquinaria, ao fin e ao cabo, xa está en funcionamento, pero a súa está empezando a andar e isto é un pao moi gordo.

Observándoo coa súa propia formación. Ve nel ao mozo que era vostede nos comezos de Luar na Lubre?

Hai moitas cousas nas que si me vexo reflecitido. Pero as circunstancias son completamente distintas. Nos 80 era o intre de empezar da música galega. Este é un momento de crise total, pero no que xa hai moitísimas cousas. Ti xa podes gravar un disco aquí na túa casa, non tes que marchar a Madrid. Naquel momento non podías editar un álbum, son tantas cousas diferentes...

Dicía o seu fillo que hoxe os mozos abandonaran o folk...

A mocidade segue apoiando o folk. O problema é que pensábamos que as subvencións ían durar toda a vida. Por iso a xente non está acostumada a pagar por ouvir folk, porque era gratis. O que hai que facer e volver comezar e que o público o valore como é debido. Nós estamos ben, pero porque saímos de Galicia e fóra hai moita xente que segue esta música.

Dentro é unha carreira de resistencia?

Que remedio! (ri) É que ou resistes ou desapareces. Nós somos unha das poucas bandas con tantos membros que continuamos con boa saúde. Pero dime en cantas emisoras podes escoitar unha canción do noso estilo. Tes que facer case maxia para poder sobrevivir.

Non hai certa responsabilidade tamén dentro do xénero, vendo como triunfan outros estilos tradicionais como o flamenco?

Por suposto. Os músicos non son capaces de pórse de acordo para facer que o folk sexa algo sólido. O problema é a desunión e non entender que isto é un sector que hai que cimentar para conseguir que sexa recoñecido. Por que o flamenco si e o noso non? Porque por un lado hai un recoñecemento grande, e polo outro non. Pero en realidade os dous son o mesmo, músicas de raíz.