A Televisión de Galicia (TVG) ofrece esta noite o segundo capítulo da nova temporada de O sabor das margaridas, a primeira serie en galego que chegou ao catálogo da plataforma Netflix. Dirixida por Álex Sampayo e con guión orixinal de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias, ten novamente como protagonista nesta quenda de capítulos a actriz María Mera, que estará acompañada por Santi Prego, Noelia Castaño e Rebeca Stones, entre outros.

Nesta segunda entrega, Eva descubrirá que se vai celebrar unha nova festa a cargo dunha organización encabezada polo Lirio e que unha coñecida axencia de modelos lles facilita as rapazas. O inspector Salgado, encargado de investigar o primeiro dos dantescos crimes do "asasino da margarida", recibirá un anónimo deste criminal. Pola súa parte, Rebeca intentará escapar do zulo onde se atopa encerrada.

A aposta dos guionistas nesta nova temporada é continuar explorando o universo formulado na primeira. Por iso, o capítulo inicial, emitido o domingo pasado, presentaba a Eva Mayo, en liberdade tras dous anos en prisión, recibindo unha chamada do seu antigo compañeiro Mauro Seoane para dicirlle que a súa filla foi secuestrada.

Un dos guionistas, Eligio Montero, sinala que Eva continuará envolta nunha viaxe polo mundo da prostitución, non xa nunha pequena vila, senón "en lugares máis tebrosos e terribles que os anteriores (as escorts de luxo, o sadomasoquismo, o tráfico de menores, a darkweb...) e con conexións que se estenden máis alá do noso país".

Segundo Montero, é unha temporada moito máis intensa e fonda a todos os niveis. "A evolución dos personaxes, a estética e beleza das paraxes naturais galegas, as subtramas que debuxan paulatinamente o escenario final, os xiros de guión inesperados, a sinxeleza dos diálogos e o nivel de intriga ata o final fará que sexa moito máis entretida, sen descoidar o alcance dos temas tratados", engade o guionista da serie.