A Televisión de Galicia (TVG) ofrece hoxe un programa de Actualizad@s centrado no contido creativo emitido ao vivo e tamén gravado e pendurado durante estes días nas redes sociais tanto por artistas famosos coma por profesionais menos coñecidos do mundo da cultura. Tamén se fará eco das ducias de persoas que botan man do enxeño e a creatividade desde as súas casas e cuxo éxito na internet as fai saír do anonimato.

Durante a corentena pola crise do coronavirus, cantantes, cómicos, actores, músicos e artistas de todo tipo poñen o seu talento e espectáculos nas redes sociais de modo altruísta para goce, entretemento e ledicia de todos os galegos e galegas que viven estas semanas de confinamento.

Brenda Vázquez, Elena Portela e Olaya Rivas achegaranlles aos espectadores da TVG o gran volume de creación artística e contido de entremento que se está a crear desde os fogares nas redes sociais durante a corentena, falando con diversas caras coñecidas do mundo cultural como Lucía Pérez, Andrés Suárez, Davide Salvado, as Tanxugueiras, Susana Seivane e Pedro Brandariz, entre outros.

Nunca antes se producira un aumento do consumo e tráfico a través da internet coma durante esta corentena, ata un 700% máis en casos como os servizos de mensaxería, a través dos que tamén se comparten ducias de vídeos e contido realizado por persoas anónimas desde as súas casas. O programa trasladaralles aos espectadores as creacións de artistas profesionais e tamén de anónimos cuxas ideas e vídeos acaban causando furor nas redes sociais.

Por outro lado, empresas privadas como as salas de festas e discotecas, que permanecen pechadas, non queren perder o contacto cos seus clientes e poñen en marcha iniciativas dinámicas.

Ademais, a través de diversas videoconferencias con creadores de contidos en liña de moi diferentes ámbitos, Actualizad@ falará cos responsables do festival en Internet Illote o creador de A Lobeira Today, a artista multidisciplinar Lúa Gándara e o Mago Teto, ademais de achegar concertos desde as casas de Eladio y los Seres Queridos Mon Band. e Pablo Lesuit.