Érase unha vez un escritor danés, Hans Christian Andersen. A súa pluma deu vida a O parruliño feo, O traxe do emperador e A Sirenita, historias que deron a volta ao mundo e que convidaron a soñar a nenos e nenas de todas as xeracións antes de irse a durmir. Coincidindo coa data do seu nacemento, hoxe celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e o Libro Xuvenil, e algúns autores non quixeron desaproveitar a ocasión de falar daquelas obras que, durante estes días de encerro, poden facer voar a imaxinación dos lectores máis novos.

Dende Milán, o escritor e ilustrador Miguel Tanco, que recorda que esta semana se celebraría a Feira do Libro en Bolonia, pensa en cales serían as máis axeitadas e, despois de moito cavilar chega a unha conclusión. "Ía falar de libros relacionados co estar na casa, pero non. Falarei daqueles que se afastan da realidade, e aínda así din moitas cousas. Estamos vivindo unha situación tráxica, e os nenos teñen que aproveitar a forza da literatura para que a imaxinación os leve a outros lugares", explica o estremeño.

Por iso recorda a serie arxentina de Janosch, Oso e Tigre, "tenra, cargada de fantasía e cunhas ilustracións preciosas", axeitada para os máis pequenos, ou a de Ariol, de Emmanuel Guibert; Óscar: Algúns días da miña interesantísima vida, de Catharina Valckx e Hilda, de Luke Pearson: "Son libros divertidos, que falan sobre esa xuventude travesa cun estilo próximo ao cómic, o que os fai interesantes para toda a familia".

Na mesma liña atópase María Canosa, que recorda que, nestes momentos nos que é difícil adquirir libros novos, é boa a alternativa de recuperar os grandes clásicos e mergullarse naqueles "que fan desfrutar e permiten evadirse". " Matilda de Roald Dhal é fundamental, pero tamén hai que aproveitar e rescatar as obras de pioneiros galegos, coma Xavier Docampo, Agustín Fernández, Concha Blanco ou Xoán Babarro", recorda.

Recentemente, este último publicou Teño oito anos e quero ser 'youtuber', unha das obras recomendadas por Canosa, pero Babarro tamén lembra O baúl de Domingos Quintas, "axeitada para que avós e pais recorden xogos e cantigas da súa infancia". "Préstase para que a lea toda a familia", afirma. Ademais, o autor fai mención a clásicos coma O principiño, traducido por Carlos Casares, e Merlín e familia, de Cunqueiro.

Canosa destaca os libros de poesía, esquecidos na literatura infantil, e di que para os nenos "os versos son coma cancións sen música". " Macedonia de versos, de Concha Blanco, recolle poesías moi divertidas e cunhas ilustracións atractivas", asegura. En canto ás obras da súa propia colleita, a escritora destaca Rabicundo, xa que estes días estase a celebrar o festival online Cantos e Contos do Poleiro, e unha das obras de teatro que se interpretan inspírase no seu libro: "Ten humor, intriga e un fondo de valores moi bonito. Ler o libro e poder ver a obra dende casa pode ser moi interesante tanto para os nenos coma para as súas familias".

Tamén recorda a poesía o escritor Antón Manuel Fraga, que expresa admiración por A irmá paxaro, de Tamara Andrés, e fai especial fincapé nas producións de ficción das autoras galegas contemporáneas, coma Andrea Maceiras, con Miña querida Sherezade e Iria Misa, con Mamá quero ser Ziggy Stardust. Orientadas cara un público máis xuvenil, o eumés destaca a obra de Antía Yáñez, Be water, e a de Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. "A primeira lanza unha mensaxe ecoloxista ao situarse nun futuro distópico tras un cataclismo, mentres que a segunda sitúase en Vigo a finais do século XIX e conta unha intrigante aventura", informa.

Dende a Editorial Bululú suxiren aos nenos e nenas de todas as idades a novidade de Xan Eguía, Supremas. Moza mitolóxicas, unha guía de personaxes femininos que percorre a historia dende os seus comezos ata a actualidade con mulleres coma Perséfone, Atenea, Superwoman, Katniss Everdeen ou Hermione Granger.

Por outra banda, na Editorial Galaxia destácase A qué cheiran as cores, do neurocientífico galego Juan Castro Rivadulla, que explica de forma divertida e sinxela o funcionamento do cerebro; Distancias, o poemario ilustrado de Tamara Andrés e Marcos Viso, e mais O caderno de Rosalía, de María Xesús Blanco. "No meu libro a protagonista está inspirada en personaxes coma Matilda e Pipi Calzaslongas, nenas fortes que superan os obstáculos da vida no día a día", explica a autora.

Co fin de amenizar os días de corentena e fomentar a lectura, Galaxia anunciou nas súas redes sociais o concurso Leo na casa, aberto ata o 15 de abril para cativos de entre catro e doce anos. Os concursantes deben enviar fotografías dos seus debuxos, nos que teñen que representar a lectura no fogar de forma orixinal e creativa. O gañador, coma non podía ser doutra forma, levarase como premio un lote de dez libros.