Os centos de bolillos pasando dun lado a outro debuxando delicados encaixes soará nas nosas casas a partir de mañá ainda que non poidamos acudir á Mostra do Encaixe de Camariñas. Prevista para o pasado 12 de marzo, suspendeuse ao coincidir prácticamente co estado de alarma. Pero unha edición tan redonda como a deste 2020, trinta anos de celebración, non podía desbotarse dese xeito e o Concello e a Deputación decidiron seguir adiante, traballando sen parar para que hoxe mesmo abra a feira...pero virtual. Dende mañá ata o domingo 12 de abril poderá seguirse cada cita do programa a través da páxina de Facebook, Mostra Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

Os internautas poderán seguir a apertura da feira ás 15.00 horas ou ver ao famoso deseñador Modesto Lomba ás 21.00 horas, ou conectarse o xoves ás 12.00 para ver aos deseñadores máis mozos, e o domingo de 12.00 a 16.00 todos poderán contemplar o marabilloso espectáculo de artesanía da xuntanza de palilleiras.

Todos os colectivos implicados no funcionamento da mostra enviaron vídeos que serán colgados seguindo a programación e horarios previstos, salvo algunha modificación.